Deixan en liberdade a un profesor de academia detido por tocamentos a alumnas menores
Por Redacción
O Xulgado de Garda de Pontevedra decidiu este venres a posta en liberdade en calidade de investigado dun profesor de academia da cidade que nos últimos días foi denunciado por polo menos dúas das súas alumnas por comportamentos como tocamentos e mensaxes de contido inadecuado.A liberdade está condicionada ao cumprimento dunha orde de afastamento cara unha das mozas, pero, de todos os xeitos, a decisión resulta controvertida e xerou indignación na contorna das vítimas.
O sospeitoso é un home de 42 anos que leva anos dando clases particulares a menores de distintos niveis educativos e foi detido o pasado xoves despois de que unha das súas alumnas decidise denunciar.
A continuación, houbo unha segunda denuncia e non se descarta que nos próximos días poidan xurdir máis casos, pois a contorna das mozas que xa denunciaron asegura que este home podería ter un comportamento inadecuado con máis alumnas.
As denuncias están en mans da Unidade de Atención á Familia e Muller (Ufam) da Policía Nacional de Pontevedra, que segue coa investigación aberta tras a posta a disposición xudicial e logo en liberdade do sospeitoso e está a solicitar testemuños de posibles testemuñas e/ou vítimas.
Segundo puido saber PontevedraViva, o home daba clases a menores fundamentalmente de entre 13 e 16 anos, aínda que algunhas das súas alumnas son maiores desa idade.
Unha das vítimas denunciantes é na actualidade maior de idade, pero asegura que os comportamentos inadecuados e de índole sexual comezaron sendo ela menor e prolongáronse durante anos. Esta moza relatou os feitos á súa familia, que decidiu denunciar.