O PP propón eliminar as taxas de veladores e lixo porque cobralas "é sentenciar a morte" aos pequenos negocios

Por Redacción
O PP de Pontevedra considera que cobrar as taxas de veladores e lixo aos pequenos negocios e autónomos durante a pandemia "é sentencialos ao peche", de modo que anuncia que levará ao próximo pleno da corporación unha moción na que propón a súa eliminación.
O presidente do PP pontevedrés, Rafa Domínguez, explicou este sábado que a súa proposta é eliminar a taxa de veladores durante este ano 2020 e a taxa de lixo durante o que dure o estado de alarma porque non fixeron uso do servizo e, ademais, afectará duramente os comercios e supoñerá "deixar na estacada" á inmensa maioría dos autónomos.
Os 'populares' pontevedreses lembran que os negocios e autónomos sufriron nas súas propias carnes o que supón non ter ingresos e ter que abonar igualmente as taxas de lixos e veladores, a pesar de non utilizar ese servizo e consideran que agora a administración debe dar resposta ás demandas do sector e a cidadanía, "estar á súa altura" e realizar todo o posible polo emprego e a actividade comercial e hostaleira de Pontevedra.
Así, instan o goberno local a "facer un esforzo extraordinario" e "abandonar o inmobilismo" no que se atopa para articular todas as medidas posibles para, desde a primeira liña, tratar de paliar os duros momentos polos que atravesa a cidade.
"Pontevedra ten que blindarse ante a gran crise económica que xerou a pandemia e que golpeará cunha intensidade inaudita. A que espera o Concello?", pregúntase Rafa Domínguez, que critica que o goberno local destine un investimento de 800.000 euros para construír máis 'lombos' e 400.000 en composteiros "mentres nos conta que non hai diñeiro para apoiar aos nosos veciños".
Relacionadas:
-
O Concello deixa de ingresar máis de 65.000 euros pola redución da taxa de veladores nun 31,5%
Por Oskar Viéitez |
-
Pontevedra concederá axudas económicas a autónomos e 'micropemes'
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Pontevedra aproba o seu plan financieiro entre críticas da oposición á xestión económica
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
O vindeiro luns será o sorteo de mesas electorais para as eleccións do 12 de xullo
Por Oskar Viéitez |