Tres altas e tres contaxios por coronavirus nas últimas 24 horas na área sanitaria
Por Natalia Puga
A área sanitaria de Pontevedra e O Salnés rexistrou nas últimas 24 horas o mesmo número de altas que de contaxios por coronavirus, tres, de modo que a cifra de casos activos continúa como este venres. En total, este sábado 6 de xuño hai 16 pacientes positivos.
Segundo o último balance oficial facilitado polo Servizo Galego de Saúde, todos os casos activos de coronavirus da área sanitaria evolucionan nos seus domicilios, onde reciben seguimento por un equipo sanitario. A área sanitaria continúa, por tanto, sen pacientes con coronavirus hospitalizados en planta ou no área de coidados críticos.
Desde o inicio do plan de continxencia da COVID-19 curáronse 881 pacientes nesta área sanitaria, fronte aos 878 do venres, e faleceron 16 pacientes.
A última actualización de datos da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade recolle que o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 542, deles 124 son da área da Coruña, 33 da de Lugo, 49 da de Ourense, 16 da de Pontevedra, 196 da área de Vigo, 110 da de Santiago, e 14 da de Ferrol.
Do total de pacientes positivos, un permanece en UCI, 26 están en unidades de hospitalización e 515 no domicilio. Por agora, en Galicia hai un total de 10.221 persoas curadas e rexistráronse 618 falecementos.
O número de PCR realizadas é de 149.242 e o número de casos de coronavirus detectados en centros residenciais de servizos sociais de Galicia supoñen o 0,1% do total das persoas residentes. En toda Galicia hai 28 usuarios e 20 profesionais de centros residenciais contaxiados e rexistráronse 132 falecementos en residencias e 142 en hospitais e residencias integradas.
A Consellería de Sanidade reitera que a cidadanía empregue o número 061 só para emerxencias ou casos graves e aconsella utilizar o número gratuíto do 900 400 116 para consultar dúbidas ou síntomas leves de coronavirus.
O Sergas ten a disposición da cidadanía a páxina web coronavirus.sergas.gal na que se pode consultar información dirixida á poboación, aos profesionais sanitarios e a outros colectivos.
Os técnicos da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade volven reiterar as recomendacións consensuadas entre as comunidades autónomas e o Ministerio de Sanidade, e lembran extremar a hixiene de mans, lavándoas frecuentemente, especialmente despois de tusir ou soarse, e cubrir o nariz e a boca cun pano -preferentemente de usar e tirar- ao tusir ou esbirrar, ou se non se dispón de pano, na cara interna do cóbado. Ademais, recoméndase evitar tocar os ollos, o nariz e a boca coas mans.
Relacionadas:
-
Tres pacientes curados e un novo contaxiado na área sanitaria, que rexistra 11 casos activos de coronavirus
Por Diego Espiño |
-
Tres casos activos menos de coronavirus para un total de 13 na área sanitaria
Por Diego Espiño |
-
Cuarto día consecutivo con 16 casos activos de coronavirus na área sanitaria
Por Diego Espiño |
-
A área sanitaria mantén 16 casos en activo por coronavirus por terceiro día consecutivo
Por Redacción |
-
O balance diario de Covid-19 reporta un caso máis activo na área sanitaria, con 16
Por Diego Espiño |