O TSXG confirma dous anos de prisión para un home acusado de abusa sexualmente dunha amiga das súas netas
Por Redacción
O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) acaba de confirmar unha sentenza previa da Audiencia Provincial de Pontevedra que impón dous anos de prisión a un veciño da comarca do Salnés por realizar tocamentos e bicar a unha nena que era amiga das súas netas e acudía á súa casa para xogar.
O home alegou durante o xuízo que lle estaba facendo cóxegas mentres xogaban, pero un vídeo gravado por unha testemuña permitiu ao tribunal concluír que se trata dun caso de abuso sexual.
A Sala do Civil e Penal do TSXG confirma esa sentenza por un delito de abusos no que a vítima tiña nove anos e destaca que existe "proba de cargo" suficiente para considerar culpable ao sospeitoso.
O acusado recorreu alegando unha vulneración do seu dereito á tutela xudicial efectiva porque cría que a sentenza non estaba ben motivada, pero o fallo do TSXG fai referencia á "evidencia reveladora" da gravación dun vídeo dos feitos, "netamente incriminatoria", vídeo que recolle un episodio de abusos nunha terraza de Sanxenxo.
Ademais, o home alegou un segundo motivo para o recurso de apelación, vulneración do dereito á presunción de inocencia e do principio 'in dubio pro reo' por un erro na valoración da proba e porque os feitos non serían encadrables no tipo penal polo que se lle acusa, abuso sexual.
A Sala entende, a diferenza do recorrente, que a súa acción "careceu de levedade e contivo unha persistencia tendente a satisfacer o seu desexo sexual á conta da menor"
Os maxistrados coinciden en que os contactos e tocamentos acreditados teñen "un obvio sentido sexual, sen que a brevidade da súa duración faga perder o seu carácter de ataque á liberdade e á integridade sexual da menor".
Ademais, o tribunal lembra que é "indiferente" que a acción en si afecte "en maior ou menor medida á vítima", pois o decisivo é que se trate "dun acto de carácter sexual".
A sentenza agora confirmada tamén impón ao acusado a prohibición de comunicación por calquera medio e aproximación á vítima a distancia inferior a 300 metros por tempo de dous anos superior á pena de prisión.
O tribunal da Audiencia considera probado que os feitos ocorreron o 4 de xuño de 2018 na terraza da súa vivenda, cando o acusado estaba en compañía dunha menor de 9 anos amiga das súas netas e "con ánimo libidinoso e sen importarlle que se vulnerase a indemnidade sexual da menor", abusou dela.
O acusado e a súa vítima estaban sós sentados nas escaleiras de acceso á terraza e, segundo considera probado o tribunal, acariñouna por distintas partes do corpo metendo as mans por baixo da roupa e tamén a bicou. Os actos duraron ata que chegou a esposa do acusado e el cesou na súa actitude.