Un condutor resulta ferido nunha espectacular saída de vía na recta da Goulla, en Meis
Por Redacción
Un home tivo que ser evacuado nunha ambulancia medicalizada tras sufrir un espectacular accidente na recta da Goulla, en Meis, poucos minutos despois das 14:00 horas deste sábado.
O condutor e único ocupante do vehículo, un Peugeot 308, circulaba en dirección Vilagarcía cando por circunstancias que se descoñecen se saíu da vía golpeando primeiro contra un muro e posteriormente contra unha columna de pedra, segundo informan dende os efectivos de emerxencia.
A consecuencia do impacto o condutor resultou ferido e tivo que ser excarcerado polos bombeiros tras quedar atrapado no coche, aínda que non chegou a perder a consciencia en ningún momento.
Ao lugar do accidente desprazáronse efectivos de 061, Garda Civil de Tráfico, Bombeiros do Salnés e Protección Civil de Meis.