A Lama prepara un dispositivo especial pola celebración do Santo Cristo de Xende
Por Redacción
O Concello de A Lama e Protección Civil, teñen previsto coordinar un dispositivo para evitar aglomeracións e que se respecten ao máximo as medidas preventivas e de distanciamento social durante a celebración dos actos relixiosos do Santo Cristo de Xende que terán lugar os días 6 e 7 de xuño.
Para iso, responsables da agrupación de Protección Civil Oitavén-Tea desprazáronse ata as inmediacións do Santuario de Xende acompañados polo tenente de alcalde, David Carrera, para deseñar sobre o terreo as liñas xerais de actuación e ordenación do tráfico ante a previsible chegada dun número importante de devotos aos actos relixiosos na honra do Santo Cristo.
Por outra banda, operarios do Concello da Lama recentemente incorporados a través do Plan Concellos e de Emprego levaron a cabo labores de limpeza e preparación da contorna da igrexa de Xende co fin de facilitar a presencia de público e o estacionamento de vehículos nas marxes dos viais que dan servizo á parroquia de Xende.
Este ano, polo estado de alarma pola COVID-19 a comisión de festas decidiu non celebrar eventos lúdicos, polo que non haberá verbena nin procesión, pero si se celebrarán os eventos relixiosos, como a Novena, á que será obrigatorio asistir con mascarilla.
A romaría será dunha maneira moito máis modesta do que se viña facendo habitualmente. Celebrarase a Novena, pero o sábado e o domingo do Cristo so haberá misas rezadas, todas iguais, para evitar aglomeracións e prescindirase da procesión polo medio do pobo.
Por último, as celebracións terán aforo limitado ao 50% e se non se pode entrar a unha misa porque xa está chea deberase esperar á seguinte. Non se pode permanecer no lugar por moito tempo, así que as recomedacións por parte do Concello son que se escoite unha misa, se visite a imaxe do Santo Cristo e, a continuación, se emprenda o regreso aos seus respectivos puntos de saída.