Os "bosques terapéuticos", nova aposta de lecer da Deputación polo medio natural
Por Oskar Viéitez
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, presentou este venres a iniciativa "Bosques terapéuticos", que consiste en 30 visitas que comezarán en xullo e rematarán en setembro e nas que as persoas participantes empregarán os seus sentidos nestes "baños de bosque" para "descubrir texturas ou olores e acadar así o benestar".
"Serán 30 visitas, cun total de 450 prazas, en cinco parques forestais", sinalou en rolda de prensa a presidenta provincial, ao tempo que amosaba a súa intención de participar nelas porque "darémonos baños de bosque ligados ao noso patrimonio, no que a cultura ten que estar presente".
As visitas guiadas a espazos naturais son unha aposta segura en canto á oferta de actividades de lecer. Carmela Silva indicou que nestes momentos tan "excepcionais" cómpre aínda máis "reformular a relación entre as persoas e a natureza", e unha boa forma de facelo é a partir do achegamento ao patrimonio local, aos parques forestais da provincia de Pontevedra.
"Queremos crear outra cultura e defendemos o que amamos", dixo Silva.
Estas visitas guiadas mesturan natureza, exercicio, cultura, historia e saúde, xa que se combina unha ruta guiada interpretativa coa posta en valor dos beneficios recibidos desde o enfoque dos bosques terapéuticos.
O obxectivo principal das visitas guiadas é dar a coñecer os cinco parques forestais seleccionados e experimentar, en primeira persoa, algúns dos principais beneficios que ofrecen estes espazos naturais desde o punto de vista físico, pero tamén emocional e social.
Ademáis con esta proposta danse a coñecer algúns dos parques forestais da provincia de Pontevedra como espazos de lecer para a cidadanía e auméntase a oferta de actividades turísticas e de lecer máis acaídas aos tempos actuais de situación sanitaria excepcional.
As visitas guiadas están destinadas ao público xeral, que deberá desprazarse ata o lugar de encontro de comezo da ruta polos seus propios medios. Polas especiais características das rutas nas que se realizará algún tipo de dinámica relacionada cos bosques terapéuticos, as persoas participantes, tanto adultas coma nenos (cun acompañante responsable), deberán gardar, en todo momento, as normas de silencio e de respecto ao grupo, á actividade e ao espazo, indicadas polo guía .
As visitas guiadas levaranse a cabo en cinco parques forestais da provincia de Pontevedra: Cabo Udra (Bueu), Freaza (Fornelos de Montes), Costa de Oia e Serra da Groba (Oia), A Picaraña (Pontareas), Camposancos (A Guarda), e terán lugar entre o 18 de xullo e o 27 de setembro.
A persoas interesadas en participar deben facer a inscrición a través do formulario en liña que xa está dispoñible na páxina web da Deputación de Pontevedra.