Pontevedra pasa a fase tres e estará permitido desprazarse ao resto de provincias galegas

Por Natalia Puga
Creada e actualizada
Creada e actualizada
Pontevedra, como o resto de Galicia, pasará o vindeiro luns 8 de xuño á fase 3 da desescalada e estará permitido desprazarse ás outras tres provincias galegas, ao estar todas na mesma fase.
O ministro de Sanidade, Salvador Illa, anunciou este venres o cambio de fase tras a rolda de prensa posterior ao Consello de Ministros. En xeral, o Goberno deu o visto e prace ao cambio de fase de todas as comunidades que o solicitaban.
Ademais, Illa anunciou que a mobilidade entre distintas unidades territoriais poderase producir entre comunidades autónomas que alcanzasen a "nova normalidade" e que o presidente da comunidade autónoma, Alberto Núñez Feijóo, será o que a partir de agora "solicite a entrada na nova normalidade" como resultado da última prórroga do estado de alarma aprobado este venres e de aplicación ata o 21 de xuño.
"Serán as comunidades quen culminará este proceso de desescalada", sinalara tamén a ministra portavoz do Goberno, María Jesús Montero.
Toda España estará xa en fase 3 o vindeiro luns, excepto a comunidade de Madrid, Barcelona e a súa área metropolitana, Castela e León, a Comunidade Valenciana, a Ciudad Autónoma de Ceuta e as provincias de Albacete, Ciudad Real e Toledo en Castela A Mancha, que seguen en fase 2.
Precisamente Feijóo lamentou este venres, tras coñecerse o paso á fase 3, a "gran confusión" que existe sobre as competencias que terán as comunidades , pois ve que as informacións do Goberno son "contraditorias", pois Illa indicou que as comunidades propoñen e o Executivo autoriza, mentres que o presidente do Goberno, Pedro Sánchez, fala de que os gobernos autonómicos son os que deciden.
Feijóo manifestou o seu desexo de que "os presidentes autonómicos sexamos a única autoridade para tomar a decisión sobre a liberdade de movementos dentro de cada comunidade".
A fase 3 traerá cambios como o aumento do aforo en bares e restaurantes a un máximo do 50% da súa capacidade a condición de que se garanta a separación de clientes, ademais de autorizarse que os clientes estean de pé con separación mínima de 2 metros na barra e un aforo do 75% nas terrazas ao aire libre. Nos hoteis, o aforo das zonas comúns pasa ao 50%.
Ademais, levántase a prohibición de utilización das zonas comúns e zonas recreativas dos centros comerciais, que terán un aforo do 50%; as vodas poderanse celebrar con 150 asistentes ao aire libre e 75 en espazos pechados (sen superar o 75% do aforo); os velorios poderán ter 50 persoas ao aire libre e 25 en espazos pechados; e permitirase a asistencia a lugares de culto cun aforo do 75%.
Nesta fase estableceranse protocolos de reincorporación presencial ás empresas, anque séguese apostando polo teletraballo; e prevese o funcionamento de todos os servizos de transporte público urbano e interurbano ao 100%.
Os espectáculos ao aire libre poderán poderán xuntar ata 800 espectadores, sempre sentados e respectando a distancia de dous metros; autorízase a reapertura de salas de artes escénicas e musicais cunha limitación de aforo dun terzo; poderán volver os touros; e celebraranse seminarios, congresos e feiras científicas ou de innovación cun máximo de 80 asistentes.
A fase 3 tamén permite os espectáculos e actividades deportivas en espazos pechados, poderán celebrarse partidos cun máximo dun terzo do aforo e acudirase ao ximnasio cun aforo máximo dun terzo, aínda que os vestiarios seguen pechados.
Relacionadas:
-
Luz verde ao decreto que regula a 'nova normalidade' e recolle multas de 100 euros por non usar máscara
Por Natalia Puga |
-
Regreso á barra do bar: "É como volver á vida"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Haberá "libre tránsito" entre todas as provincias galegas desde esta madrugada
Por Alejandro Espiño |
-
As instalacións deportivas e culturais de Cuntis abren con cita previa a partir do luns
Por Redacción |
-
Deporte sen franxas horarias e en grupos de ata 20 persoas na fase 3 de desescalada
Por Almu Dapena |
-
Só un 2% dos pontevedreses ten anticorpos diante do virus
Por Oskar Viéitez |
-
Pontevedra pasa á fase 2 da desescalada a partir do luns
Por Natalia Puga |