Moraña reactiva o pago de impostos e taxas ao non aceptar o Oral o seu aprazamento
Por Redacción
O Concello de Moraña está a informar a toda a cidadanía da reactivación dos períodos voluntarios de pago de impostos e taxas municipais dende o presente mes de xuño tras a negativa recibida por parte do Organismo de Recadación das Administracións Locais (ORAL) da Deputación de Pontevedra, que ten transferidas estas competencias, á petición municipal de adiar o cobro ata o 31 de decembro
A alcaldesa de Moraña, Luisa Piñeiro, vén de comunicarse con todos os contribuíntes a través dunha carta informativa na que confirma os novos prazos de ingreso dos tributos municipais e na que tamén explica as xestións do Concello co Oral para o aprazamento destes cobros e a resposta negativa do organismo provincial, o que obriga a cinxirse aos calendarios aprobados.
Deste xeito, o período de pago das taxas e prezos públicos de Moraña, que se corresponde cos do padrón fiscal do ano 2018 e que se abrira antes da crise sanitaria, ten fixado o seu remate o vindeiro 22 de xuño e as domiciliacións que quedaran por cobrar xa se pasarán automaticamente ata esa data. Neste caso non cabe ningún tipo de aprazamento nin fraccionamento.
Por outra banda, tamén se comezarán a pasar ao cobro paulatinamente o Imposto de Vehículos de Tracción Mecánica (IVTM), que se cobrará entre o 15 de xuño e o 3 de setembro, sendo este o día de cobro das domiciliacións; o Imposto de Bens Inmobles (IBI), que se devengará entre o 25 de xuño e o 5 de novembro, co cobro bancario o 5 de outubro; e o Imposto de Actividades Económicas (IAE), con prazo entre o 4 de setembro e o 16 de novembro e cargo das domiciliacións o 16 de novembro.
Dende o Concello de Moraña infórmase que, como medida especial pola crise sanitaria, estes tres impostos poderán fraccionarse nun máximo de seis mensualidades para aliviar a carga económica das familias, pero deberá solicitarse ata o 15 de xuño na Oficina Virtual do ORAL, á que se pode acceder a través do enderezo web: https://ovt.depo.gal.
En caso de dúbida ou necesidade de asesoramento no que respecta a estes impostos pódese recorrer aos servizos municipais do Concello de Moraña con cita previa ou a través do teléfono 986 553005.