Un tapiz xigante cubrirá a Praza Massó para celebrar unha reducida Festa das Alfombras Florais
Por Redacción
A pesar da COVID-19, Bueu non renuncia a celebrar a tradicional Festa das Alfombras Florais. Iso sí, será cun formato reducido e adaptado ás recomendacións sanitarias pola pandemia.
Así, de cara á fin de semana do 13 e 14 de xuño, unha gran alfombra monumental cubrirá a céntrica Praza Massó. A idea é crear un tapiz xigante co que se homenaxearán ás xentes das tres parroquias de Bueu, así como ás festas, eventos e tradicións.
Nas últimas semanas estivo valorándose esta iniciativa por parte dos responsables do goberno local e da Asociación Cultural de Alfombras de Bueu, co obxectivo de traballar nunha proposta que permitise continuar con esta tradición da arte floral e cumprir coas esixencias en materia de seguridade e saúde.
O edil de Cultura, Xosé Leal, asegura que con esta alfombra no centro da vila "poderemos controlar mellor os fluxos de mobilidade das persoas" e contar cun protocolo de actuación "máis adaptado ás circunstancias actuais".
Así, o lugar desinfectarase previamente e a asociación velará polo mantemento das distancias de seguridade das persoas que se atopen confeccionando a alfombra, ademais das que se acheguen a admirala. Tamén, como se trata de chegar a todos os públicos, prepararase unha actividade para os cativos.
Dende a asociación avanzan tamén que se realizará unha segunda alfombra floral, de tamaño moito máis reducido na entrada da igrexa parroquial de San Martiño de Bueu.
Este colectivo convida a toda a vila a participar nas diversas fases da elaboración da alfombra, entre elas na preparación de materiais, na busca de vexetais ou no desfiunchado. As persoas que queiran colaborar poden comunicalo a través do enderezo electrónico alfombrasbueu@gmail.com ou no teléfono 662124541.
A Festa das Alfombras de Bueu conta con máis dun cento de anos de antigüidade, aínda que o auxe desta tradición sitúase entre as décadas de 1940 e 1950. Foi declarada de Interese Local no ano 2002 e desde 2017 ten a catalogación de Festa de Interese Turístico Galego.