Construcciones Taboada y Ramos reformará a estrada PO-551 ao seu paso por Bueu e Marín
Por Oskar Viéitez
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de adxudicar as obras de execución dunha senda peonil e mellora de seguridade viaria na estrada de titularidade autonómica PO-551, ao seu paso polos concellos de Bueu e Marín.
Esta actuación foi adxudicada á empresa Construcciones Taboada y Ramos, S.L., por un importe de preto de 935.000 euros, e o obxectivo é iniciar as obras a finais de agosto.
Xa están convocados os propietarios para os actos expropiatorios nos meses de xullo e agosto, co obxectivo de iniciar os traballos a finais de agosto.
Construiranse dúas glorietas nas contornas de Lapamán e Agrelo, en Bueu, e mellorarase unha intersección en Marín, incorporándose as melloras propostas no período de participación pública.
Executarase unha senda que dará continuidade ata o acceso á praia de Lapamán e reforzarase a sinalización dos pasos de peóns nas parroquias de Cela e Bueu, con semáforos con pulsador en dous deles e sinalización luminosa nos restantes.
A Xunta inclúe tamén actuacións na intersección do punto quilométrico 7+320, en Marín, coa execución dunha cuña de saída que mellorará a visibilidade e a seguridade.