Baixa ata 15 o número de casos activos de Covid-19 na área sanitaria
Por Diego Espiño
Importante baixada a experimentada nas últimas horas en Pontevedra e O Salnés con respecto ao número de persoas positivas de coronavirus.
Segundo o balance feito público este xoves 4 de xuño pola Consellería de Sanidade, contabilízanse 15 casos activos de Covid-19 na área sanitaria, o que supón un descenso de 10 nas últimas horas. Este descenso prodúcese ao dar 11 altas epidemiolóxicas e sumar soamente un novo contaxiado.
Todos os afectados evolucionan nos seus respectivos domicilios, polo que os hospitais da comarca suman un día máis sen ingresados con positivo activo de coronavirus.
Desde o inicio da pandemia curáronse na área sanitaria 875 pacientes que deran positivo, mentres que a cifra de falecementos segue estable en 16.
A nivel autonómico, segundo a última actualización da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 569, polos 678 do mércores. Deles 139 son da área da Coruña, 38 da de Lugo, 52 da de Ourense, 15 da de Pontevedra, 193 da área de Vigo, 112 da de Santiago, e 20 da de Ferrol.
Do total de pacientes positivos, 1 permanecen en UCI, 23 están en unidades de hospitalización e 545 no domicilio. Polo de agora, na comunidade hai un total de 10.148 persoas curadas, rexistrándose 618 falecementos.
O número de PCR realizadas é de 147.188 e a cantidade de casos de coronavirus detectados en centros residenciais de servizos sociais supoñen o 0,1% do total das persoas residentes. Contabilízanse 28 usuarios e 21 profesionais contaxiados en centros residenciais e producíronse 132 falecementos en residencias e 142 en hospitais e residencias integradas.
A Consellería de Sanidade reitera que a cidadanía empregue o número 061 só para emerxencias ou casos graves e aconsella utilizar o número gratuíto do 900 400 116 para consultar dúbidas ou síntomas leves de coronavirus. Neste número pódense resolver todas as dúbidas dos cidadáns respecto diso e tamén consultar sintomatoloxía leve.
Sinalar, ademais, que o Sergas ten ao dispor da cidadanía unha páxina web, na que se pode consultar información dirixida á poboación, aos profesionais sanitarios e a outros colectivos.
Relacionadas:
-
Tres casos activos menos de coronavirus para un total de 13 na área sanitaria
Por Diego Espiño |
-
O balance diario de Covid-19 reporta un caso máis activo na área sanitaria, con 16
Por Diego Espiño |
-
176 traballadores da área sanitaria deron positivo en coronavirus desde o inicio da pandemia
Por Redacción |
-
Os casos activos de coronavirus descenden ata os 25 na área sanitaria pontevedresa
Por Diego Espiño |
-
O conselleiro de Sanidade destaca que a área sanitaria de Pontevedra é a de menos falecidos por coronavirus de Galicia
Por María José Pita |
-
Terceira xornada consecutiva con 28 casos activos de coronavirus na área sanitaria
Por Diego Espiño |
-
Sen cambios no balance diario do Covid-19 en Pontevedra e O Salnés, con 28 casos activos
Por Diego Espiño |