Suspenden a iniciativa lúdica estival para escolares Campalledo 2020
Por Redacción
Cancelouse definitivamente a convocatoria prevista para este verán denominada 'Campalledo'. O Concello de Cerdedo-Cotobade tomaba esta decisión de suspender a actividade lúdica estival que contaba cun réxime de pernoita para evitar situacións de risco e garantir a seguridade sanitaria.
O campamento desenvolvíase todos os anos durante o mes de xullo coa participación de 60 escolares. A través de dúas quendas, de distintas idades, realizaban diferentes actividades de lecer. Nesta ocasión, con motivo da pandemia, o Concello entende que será complicado cumprir coas medidas de seguridade que recomenda o Instituto de Mocidade de España (INJUVE) en relación ao distanciamento entre os participantes.
Jorge Cubela, alcalde de Cerdedo-Cotobade, lamentaba a cancelación e explicaba que se realiza para gardar a máxima prudencia e responsabilidade. Agradece a comprensión das familias ás que se pode ocasionar molestias esta suspensión da actividade.
O Concello traballa na organización doutras alternativas de lecer para o público infantil durante os meses de verán nas que se poidan manter todas as medidas de seguridade sanitaria.