Un veciño de Marín de 21 anos, ferido grave nun accidente entre unha moto e un furgón
Por Redacción
Un mozo de Marín de 21 anos resultou ferido grave ao mediodía deste mércores nun accidente de tráfico rexistrado na avenida de Ourense deste municipio entre unha motocicleta e un furgón.
Segundo informou a Policía Local de Marín, o accidente rexistrouse ás 14.22 horas diante do Concello de Marín e consistiu nunha colisión por alcance na que, por motivos que se descoñecen, a motocicleta chocou coa parte traseira do outro vehículo.
O furgón estaba totalmente parado no seu carril facilitando a incorporación doutro vehículo estacionado cando se produciu a colisión. O seu condutor resultou ileso.
En canto ao motorista, tivo que ser trasladado ao Hospital Montecelo con prognóstico reservado, aínda que, segundo a Policía Local, non se temía pola súa vida. Cando a Policía Local chegou ao lugar, estaba inconsciente e presentaba lesións no rostro. Tras 8 minutos, recuperou a consciencia e foi asistido por unha ambulancia asistencial e outra medicalizada.
Unha vez estabilizado, foi trasladado a Montecelo consciente.