As residencias de maiores e centros de persoas con discapacidade reactívanse con cautela
Por Redacción
José Manuel Cores Tourís, delegado territorial da Xunta de Galicia e o director xeral de Maiores da Consellería de Política Social, Ildefonso de la Campa Montenegro, conversaron este mércores 3 telematicamente con 46 representantes de residencias de maiores e de persoas con discapacidade.
A reunión contou coa moderación da xefa territorial do departamento de Política Social, María José Pérez-Izaguirre, e coa presenza da representante autonómica Ana María Ortiz.
A intención deste encontro era analizar o plan para reactivar de maneira sociosanitaria estes centros, que desde o momento en que Galicia incorporouse á Fase 2 foron reabrindo de maneira gradual en todos os casos nos que non se atopasen persoas contaxiadas pola Covid-19.
O comité clínico do Servizo Galego de Saúde elaborou un protocolo para ir establecendo un sistema que permita ir adaptándose á situación partindo de dous criterios, que estas instalacións non conten con casos de coronavirus nin entre o persoal nin entre os residentes durante os últimos 15 días e que no concello onde se atopen situados se rexistren só tres ou menos casos da enfermidade por cada 5.000 habitantes.
Se estas residencias contan con estes requisitos permitiranse dúas visitas por semana e con cita previa e as persoas que sexan autónomas poderán realizar saídas ata a farmacia ou ao banco.
Ildefonso de la Campa sinalou que na fase 3 poderase recuperar en gran medida o réxime de visitas que existía antes da pandemia, sempre adoptando medidas de seguridade e os residentes tamén poderán acceder á contorna urbana, evitando zonas nas que se concentre un número elevado de persoas.
No caso de que se rexistre algún caso positivo sería necesario suspender a reactivación e volveríase a confinar a aquelas persoas que fosen contaxiadas. No protocolo establecido pola Xunta recóllese tamén o reinicio dos servizos de atención temperá do mesmo xeito que outros servizos terapéuticos. Nestes casos tamén será necesaria a cita previa que garanta que só se atopen na sala a persoa usuaria e o profesional que realiza o servizo.
Cores Tourís recolleu as dúbidas dos responsables das residencias e centros de atención a persoas con discapacidade. O delegado territorial apuntou que esta semana se remitiu material de protección para os centros e residencias da área de Pontevedra. Trátase de máscaras protectoras, luvas e produtos de limpeza.
Relacionadas:
-
Pontevedra tamén clama uns servizos sociais públicos e de calidade
Por Manu Otero & Mónica Patxot |
-
O persoal de Política Social continúa coas protestas para reclamar a negociación da súa situación laboral
Por Redacción |
-
Residentes nos centros de maiores pasan consulta de reumatoloxía a través dunha tablet
Por Redacción |
-
Caballero impulsará as políticas sociais fronte os "recortes e inacción" de Núñez Feijóo
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Benestar social envía fichas aos domicilios dos usuarios do programa "Saudemente"
Por Redacción |
-
Persoal de centros dependentes de Política Social inicia protestas para reclamar á Xunta as súas vacacións
Por Mónica Patxot & Redacción |