Un remolque, un quad e libros, calcinados nun incendio de madrugada en San Tomé de Piñeiro
Por Redacción
Un incendio causaba notables danos materiais durante a madrugada deste mércores no número 18 do lugar de Fixón, na parroquia marinense de San Tomé de Piñeiro.
Minutos antes das 06.00 horas, o servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia 061 poñíase en contacto con Emerxencias do 112 Galicia para indicar que acababa de chamar unha muller alertando dun incendio. Segundo explicaba a muller a situación era insoportable pero ofrecía poucos datos sobre o que estaba a arder, segundo relata o servizo de Emerxencias do 112.
Desde o 112 Galicia avisouse aos Bombeiros do Morrazo, que se desprazaron inmediatamente ata o lugar. O incendio rexistrábase no exterior dunha vivenda e afectou a un quad, ao remolque dun tractor e a un andel con libros.
Os Bombeiros do Morrazo sinalaban que a intervención durou ao redor de dúas horas para controlar as lapas, a pesar de que se produciu nunha zona ao aire libre. Ningunha persoa resultaba ferida por este incidente e investíganse as causas que provocaron o lume.