Reaxustan os repetidores para resintonizar as canles de televisión en Bora, Xeve e A Canicouva
Por Redacción
O Concello de Pontevedra está a acometer os traballos para adaptar os repetidores municipais para que nas vivendas das parroquias se poidan resintonizar as canles de televisión ante o segundo dividendo dixital. O Goberno central require que sexa liberada a banda de 700 MHz pola que se reciben diversas canles de televisión por TDT. Esa banda será utilizada polo servizo de telefonía móbil 5 G.
Durante a madrugada deste sábado, segundo anuncia o goberno local, está previsto que se realicen os traballos na parroquia da Canicouva coa intención de que todos os residentes poidan seguir vendo todas as canles de televisión por TDT. Nas seguintes fins de semana e sempre en horario de madrugada para evitar causar molestias levarán a cabo os reaxustes nos repetidores municipais que ofrecen servizo ás parroquias de Bora e de Xeve.
Desde o goberno local indican que non se trata dunha competencia municipal pero decidiuse asumir esta operación para facilitar este servizo aos habitantes das parroquias. Cambiaranse os elementos necesarios para resintonizar as canles cun investimento de 17.000 euros nestes tres repetidores, que instalara o Concello para mellorar o sinal de recepción a pedimento da veciñanza desta zona do rural do municipio.
A resintonización afectará a 1.482 vivendas e a un total de 3.700 residentes. Na parroquia da Canicouva ven afectadas 121 vivendas e 247 habitantes, mentres que en Bora son 329 vivendas e 713 veciños. En Santa María de Xeve, 296 residencias e 804 veciños; en Santo André de Xeve, 431 casas e 1.045 residentes mentres que en Verducido, o cambio afectará a 305 vivendas e a 891 veciños.
Este proceso non supón gasto para os particulares e é similar ao que se realizou en todos os países da Unión Europea entre 2014 e 2015. Iso si, cando se realice o reaxuste, os usuarios perderán o sinal dalgunhas canles e deberán volver buscalas no seu aparello de televisión. As canles afectadas serán A 1, A 2, Canle 24 h, Clan TV, TVG, TVG2, ademais dalgunha emisora de radio.
Relacionadas:
-
Finaliza a resintonización de canles de televisión en Bora, Xeve e A Canicouva
Por Redacción |
-
A resintonización dos canais de TDT prevista para estes meses queda aprazada
Por Redacción |
-
Case un millón de pontevedreses deberán resintonizar os seus televisores polo cambio de frecuencias da TDT
Por Natalia Puga & Cristina Saiz |