'Zona 7': un caso de trapicheros de pouca monta
Por Natalia Puga
Dous supostos trapicheros chegaron á Audiencia Provincial de Pontevedra enfrontándose a condenas de cinco e sete anos de prisión tras ser arrestados nunha redada antidroga no pub 'Zona 7' de Pontevedra. Dúas horas máis tarde saíron cunha redución substancial da petición de condena. O argumento: o fiscal considera que "las ventas que hicieron son de la mínima cuantía".
O representante da Fiscalía, Benito Montero, pedía para o propietario do local, M.A.T.M. sete anos de prisión e rebaixouno a tres anos. No caso de C.E.LA., sorprendido pola Policía Local vendendo cocaína ás portas do bar, a petición inicial era de cinco anos e quedou nun ano e nove meses.
Nesta redución de condena tamén tivo que ver moito que o fiscal considera que ambos os dous eran consumidores de droga, de modo que parte da substancia estupefaciente que se lle incató "podía ser para su propio consumo".
Ambos os dous procesados sentáronse no banco, pero non prestaron declaración porque xa antes do inicio do interrogatorio recoñeceron que a acusación que mantiña o fiscal contra eles era certa.
Si declarou unha terceira persoa, un individuo que se sentou no banco porque supostamente vendeu unha pequena cantidade de resina de cannabis a un dos clientes do local. Na súa declaración asegurou que non realizara esa venda e que a droga que levaba enriba cando foi detido era para consumo propio.
O fiscal deu por boa a súa versión dos feitos porque a suposta testemuña á que lle vendera a droga non se presentou no xuízo e porque no momento en que se produciu a redada, o 29 de xaneiro de 2011, o home traballaba como soldador, gañaba 1.300 euros ao mes e "non tiña necesidade de vender cannabis por dez euros". Finalmente, retirou a súa acusación contra el e abandonou o banco.
Unha redada realizada ante as queixas de veciños por suposta venda de drogas nas inmediacións do local
O operativo policial no que foron detidos realizouse o 29 de xaneiro de 2011 en resposta ás múltiples queixas realizadas polos veciños do contorno sobre a suposta venda de drogas no 'Zona 7'.
A Policía Local sorprendeu C.E.L.A. mentres intercambiaba con outro individuo unha dose de preto dun gramo de cocaína por 50 euros. Despois de presenciar a escena, os axentes procederon ao cacheo do invididuo, que levaba enriba catro envoltorios de cocaína, dous con dez gramos de substancia e outros dous con menos dun gramo.
O operativo tamén incluíu o rexistro do bar 'Zona 7'. Segundo recolle o fiscal no seu escrito de acusación, cando os axentes accederon ao mesmo observaron que o dono intentaba ocultar unha caixa de caudais na que posteriormente se localizaron 59 envoltorios de cocaína e 500 euros en billetes.