Nito Sobral xubílase e renuncia ao seu soldo como alcalde de Poio, que pasará a Marga Caldas
Por Natalia Puga
Creada e actualizada
Creada e actualizada
O alcalde de Poio, o nacionalista Luciano Sobral, está oficialmente xubilado. A situación non afecta o seu cargo como primeiro edil da localidade, para o que foi reelixido en maio de 2019 e no que continúa sen cambios, pero si ás contas públicas do municipio. O rexedor pasa a cobrar agora a pensión de xubilación, de modo que renuncia ao seu soldo do Concello.
Luciano Sobral, coñecido como Nito, tiña desde o inicio do mandato unha dedicación exclusiva. Segundo puido saber PontevedraViva, agora, coa súa renuncia ao soldo, pasará a cobrar Marga Caldas Moreira, concelleira de Seguridade Cidadá, Deportes, Dinamización Lingüística e Memoria Histórica, así como terceira tenente de alcalde.
A xubilación do alcalde supón modificar o orzamento municipal de 2020, pero non no importe dos salarios que recibe o equipo de Goberno, senón na distribución do mesmo. Así, continúa habendo catro dedicacións exclusivas e unha parcial, como ata o de agora, pero terán distinta destinataria. O alcalde deixa de ter unha das exclusivas e cobraraa Marga Caldas, que ata o de agora non tiña ningunha remuneración.
Estes cambios abordaranse este xoves nunha Comisión Extraordinaria de Facenda e logo terán que aprobarse no Pleno da Corporación para que sexan efectivos.
Esta xubilación de Nito Sobral era unha paso esperado en Poio. Aos seus 67 anos, e tras 25 anos gobernando o municipio, o rexedor xa anunciara a principios deste ano a súa intención de xubilarse e pasar a cobrar da pensión de xubilación.
Nito Sobral, que tamén deixará de cobrar por asistencia aos órganos colexiados, entre os que se inclúen sesións plenarias e comisións informativas, valorou este martes que entende que este cambio é o máis axeitado para que Marga Caldas poida centrarse "ao 100% na xestión municipal".
Esta concelleira foi a responsable de coordinar a Comisión de Emerxencias da Covid-19, formada a raíz do decreto do estado de alarma do pasado 14 de marzo, e Nito Sobral valora que "nas circunstancias nas que nos atopamos na actualidade, faise máis necesario ca nunca que a persoa responsable destas áreas poida dedicarse a tempo completo ao Concello e a dar resposta ás necesidades da veciñanza.
O alcalde tamén lembrou que esta fórmula non é unha novidade e que en varios concellos de Galicia nos que gobernan diferentes cores políticas xa se deron casos de alcaldes que decidiron continuar exercendo renunciando á súa dedicación e acolléndose á pensión á que teñen dereito como xubilados.
Segundo a información á que tivo acceso este medio, as catro dedicacións exclusivas seguirán sendo do mesmo importe, retribucións brutas anuais de 35.920,39 euros, 2.565,74 ao mes e dúas pagas extra. Cobraranas Chelo Besada (PSOE), tenente de alcalde, concelleira de delegada de obras,servizos, pesca e marisqueo; Silvia Diaz (Avante Poio), edil de Igualdade, Turismo, Participación veciñal, transparencia e espazos cidadáns; e Raquel Rodríguez (BNG), concelleira de Cultura e Educación; e Marga Caldas (BNG).
A dedicación parcial, que supón un importe bruto anual de 14.165,10 (1.011,79 euros mensuais máis dúas pagas extra), seguirá sendo para Rosa Fernández (PSOE), concelleira de Benestar Social e Mocidade.
Este trámite administrativo non implica cambios no Goberno local, composto desde as últimas eleccións municipais por un tripartito de BNG, PSdeG e Avante Poio.
Relacionadas:
-
"Somos un equipo de Goberno coherente e, aínda que con visións distintas, isto enriquécenos"
Por Oskar Viéitez |
-
O PP critica que o Goberno de Poio convoque un "pleno da vergoña" só para "aprobar canto antes" un cambio de salarios
Por Redacción |
-
Os negocios e autónomos de Poio que pecharon polo estado de alarma non pagarán a taxa do lixo
Por Redacción |
-
Luciano Sobral, elixido alcalde de Poio cos votos de BNG, Partido Socialista e Avante
Por Oskar Viéitez |
-
BNG, PSOE e Avante asinan o pacto de goberno en Poio
Por Oskar Viéitez |
-
Nito Sobral reelixido alcalde de Poio
Por Oskar Viéitez |