Volta ao traballo na unidade de Reanimación do Hospital Montecelo tras rematar as obras
Por Oskar Viéitez
A Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés ven de reactivar asistencialmente a súa unidade de Reanimación do hospital Montecelo, toda vez que rematou satisfactoriamente a execución dun proxecto arquitectónico de reforma desta área, dando resposta a unha solicitude realizada tempo atrás pola maioría de profesionais desta unidade.
Esta iniciativa, que se desenvolveu ao longo das últimas dúas semanas, potencia os niveis de confort e illamento dos pacientes que presentan necesidades de vixilancia continuada, optimizando a operatividade dos anteriores espazos.
Así, os novos boxes de illamento pasan de un a catro. Os traballos incluíron o pintado de toda a área, a renovación da iluminación con tecnoloxía LED, a limpeza de condutos e o reforzo do cableado eléctrico dunhas dependencias que contan con 10 postos de asistencia, ampliables ata os 11.
Segundo sinala a Xefa de Sección de Anestesioloxía, Reanimación e Terapia da Dor do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra, a Doutora Marina Varela Durán, "a planificación para acometer esta iniciativa contemplou que, durante o período de obras de mellora da Unidade de Reanimación do Hospital Montecelo, os doentes que requiriron tratamento deste tipo emprazáronse nas Unidades de Espertar postanestésica e de Cirurxía Maior Ambulatoria, dependencias que esta área sanitaria readaptou e reforzou para atender pacientes críticos durante a pandemia polo COVID-19. A porcentaxe de reactivación da actividade cirúrxica no CHUP tras o pico pandémico é nestes intres dun 70%".