Bueu aproba o pago de facturas por máis de medio millón de euros
Por Redacción
A corporación local de Bueu foi protagonista este luns, 1 de xuño, do primeiro pleno telemático da historia do Concello, unha situación provocada por mor da crise sanitaria. A sesión plenaria arrancou pasadas as nove e media da noite e estendeuse case catro horas, e a cidadanía puido seguir o debate dende as súas casas a través da canle de Youtube municipal.
Tras a aprobación das respectivas actas das sesións anteriores, o primeiro dos asuntos a abordar foi a toma de posesión de Agustín Gallego Piñeiro como edil do BNG en substitución de Tamara Sotelo.
A continuación aprobouse a modificación de créditos por suplemento de crédito de 185.831 euros, cos votos a favor do BNG e ACB, e as abstencións do PP e PSOE.
O seguinte punto, moi relacionado co anterior, consistiu na aprobación do expediente de recoñecemento extraxudicial de créditos por importe de 558.393 euros, que se levou adiante cos votos a favor do grupo de goberno (BNG e ACB) e en contra do PP e PSOE.
O expediente consiste no pagamento de facturas de servizos que se prestaron no 2019 e que foron presentadas no 2020, sendo o groso as correspondentes a Naturgy ou o canon de Sogama. Dende o PP e PSOE esgrimiron a súa oposición a este recurso xa que, apuntaron, o recoñecemento debería ser unha figura extraordinaria que se está utilizando de forma viciada por parte do goberno local.
Tamén foi asunto deste pleno a aprobación definitiva do Regulamento de Participación Cidadá, un instrumento que permitirá regular a participación da veciñanza na política local sobre todo a través dos Consellos Parroquiais e Sectoriais. A proposta contou cos votos favorables de toda a corporación.
Un dos asuntos con máis peso dentro da sesión plenaria foi o relativo á aprobación do expediente de modificación da piscina municipal cuberta, e a reclamación de cantidades formulada pola contratista polos danos e prexuízos derivados da suspensión temporal da obra.
Martín Villanueva, concelleiro de urbanismo, explicou que esta modificación responde á corrección de pequenos axustes e medicións, amais de recoller o reforzo estrutural da parte metálica, máquinas máis eficientes, e un acondicionamento óptimo da contorna co edificio.
O último dos asuntos deste pleno longo foi a aprobación inicial dos orzamentos xerais do ano 2020, que contou cos votos a favor do BNG e ACB, e en contra do PSOE e PP. Tanto en gastos coma en ingresos, o orzamento municipal ascende a 6.275.000 euros.
Relacionadas:
-
Aprobación dos orzamentos de 2021 co voto en contra do PP e a abstención do PSOE
Por Redacción |
-
Aprobados no pleno máis de seis millóns de euros en gastos e ingresos para os orzamentos deste 2021
Por Redacción |
-
O orzamento do Concello de Bueu permitirá a cancelación total da débeda financeira
Por Redacción |