Marín anuncia o inicio das obras de humanización na Rúa Estrada
Por Redacción
A céntrica Rúa Estrada, en Marín, será obxecto dunha remodelación que comenzará "esta semana", confirma o Concello.
Segundo o goberno local nos próximos días comezarán as obras de humanización desta rúa, que colinda entre outras cousas co propio Concello e coa sede da Policía Local.
Cun ancho medio aproximado de 11 metros, o obxectivo da actuación centrarase na ampliación do espazo para peóns, con beirarrúas de maior tamaño. Para iso será necesario eliminar un dos carrís de estacionamento.
Desta maneira as beirarrúas pasarán a contar cunha amplitude de 2,70 metros en ambos os lados. A calzada tamén contará con 3,30 metros de espazo, cun único carril de circulación, o mesmo que o actual.
Tamén se renovarán os servizos municipais de saneamento e as luminarias en busca dunha maior eficiencia enerxética.
A obra será financiada nun 70% con cargo á Xunta de Galicia ao amparo do convenio de colaboración asinado a inicios deste ano entre a alcaldesa, María Ramallo, e a conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez.