Posta a punto da estrada das praias de Marín, con nova rodadura e sen maleza
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
A empresa Construcciones, Obras y Viales S.A. (COVSA) iniciou este luns os traballos de renovación da pavimentación da estrada Marín-Aguete, a coñecida como estrada de praias de Marín, que empeza desta maneira un proceso de posta a punto que incluirá outro tipo de actuacións.
O intenso uso que soporta este viario, especialmente nas épocas estivais, afectou ás características do pavimento, polo que se produciron diversas deficiencias co paso do tempo, que precisan dunha posta a punto.
Covsa resultou adxudicataria do proxecto, que suporá renovar 8.318,70 metros cadrados de rodadura e volver implantar a sinalización adecuada, tanto horizontal coma vertical, para o tránsito rodado e tamén para o estacionamento.
Ademais, realizaranse traballos de desbroce e limpeza das marxes da vía, retirando maleza, escombro ou calquera tipo de material indesexable que estea a ocupar estes espazos.
O orzamento total investido nesta actuación será de 91.853,29 euros (IVE incluído), que se subvencionará con cargo ao Plan Concellos da Deputación de Pontevedra.
O prazo de execución será dun mes, aproximadamente.
RAMPLA DE BRIZ MELLORADA
Por outra banda, o Concello deu a coñecer este luns que xa está renovada a rampla de acceso ao auditorio da finca de Briz, mellorando o espazo e a pendente para que poidan baixar e subir de xeito seguro os vehículos asociados á organización de eventos e tamén das propias persoas.