A 'nova normalidade' das oficinas do DNI: arranxar papeis antes de dar a luz ou tramitar unha moratoria de hipoteca
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
Carmen Otero tiña cita para renovar o seu DNI o 16 de marzo, pero a pandemia do coronavirus truncou os seus plans, pois a activación do estado de alarma suspendeu a atención presencial nas oficinas de expedición de documentos de identidade excepto urxencias. Durante estas semanas de confinamento non se atopou con ningún problema derivado da caducidade do documento, pero en canto a semana pasada se anunciou que se reactivaría a actividade, pediu cita inmediatamente.
As présas de Carmen son evidentes a primeira vista. Está xa na recta final do seu embarazo e, de fronte ao nacemento do seu fillo, necesita ter toda a súa documentación en vigor para "poder facer toda a papelada". Co DNI caducado, non podería inscribilo, pero xa non ten que preocupase por nada neste sentido. Este luns, foi unha das primeiras en poder realizar o trámite, no que era o primeiro día da 'nova normalidade' nas oficinas da antiga sede do Banco de España de Pontevedra. Desde a semana pasada podía pedirse cita, pero a atención presencial empezaba este luns.
Esta 'nova normalidade' chega asociada a medidas de hixiene e cita previa e supón unha actividade moito menos intensa do habitual. Durante os meses de confinamento máis estrito, nas oficinas de Pontevedra tan só permaneceu funcionando un posto de expedición que atendía emerxencias e desde este luns hai xa tres, nun proceso de desescalada que supoñerá ir retomando a normalidade de forma gradual, que a semana próxima haxa catro postos e nas xornadas seguintes vaian recuperándose os seis habituais.
Ana Lucía Maceiras, xefa do servizo, acompañou a PontevedraViva por todas as dependencias para mostrar ata que punto se extremaron todas as precaucións para evitar os contaxios. As medidas empezan xa na propia porta de acceso ás oficinas da rúa Fernández Villaverde, onde en distintos momentos da mañá xa houbo colas, pois un axente da Policía Nacional tan só deixa acceder aos usuarios con cita previa e impide que se acumulen no interior tantos que sexa imposible respectar as distancias de seguridade.
Unha vez que pasas a porta da rúa, o chan do 'hall' de acceso ás propias oficinas xa está marcado con sinais que establecen os lugares para ocupar para preservar as distancias e un novo policía regula o acceso ao interior. Un a un e sempre con máscara, os usuarios sitúanse en dúas colas, unha para DNI e pasaporte e outra para renovación de certificados. Ademais, deseñouse un circuíto de entradas e saídas para que os cidadáns non cheguen a cruzarse.
Xa no interior, é obrigatorio desinfectar as mans e impídese aos cidadáns sentar nos bancos de espera nos que habitualmente se acumulan varias decenas de persoas. Agora tan só quedan habilitados tres asentos por se se dá o caso de que cheguen persoas maiores ou con problemas de mobilidade.
Xa chegado o momento da cita previa, en cada un dos postos, hai biombos de separación entre o funcionario que tramita o documento e o cidadán e tamén entre os traballadores e, cada vez que unha persoa sitúa o seu dedo no aparello que rexistra a súa pegada de identidade, todo se desinfecta.
Entre os usuarios deste primeiro día atópase Mercedes, unha muller que, tras renovar o seu documento, aplaude o funcionamento. "Cheguei, atendéronme moi ben e estou moi contenta. Quedei encantada", asegurou á saída das oficinas. O seu DNI caducáralle durante o confinamento e os documentos caducados desde a entrada en vigor do estado de alarma están prorrogados durante un ano, ata o día 17 de marzo de 2021, pero ela preferiu pedir cita e acudir xa en canto foille posible.
A cita previa para o D.N.I. ha de solicitarse na páxina https://www.policia.es/comisaria_virtual.php ou en https://www.citapreviadnie.es/citapreviadniexp/, xa que non se atende a ninguén sen cita previa, salvo que sexa unha urxencia debidamente acreditada, pero, aínda así, tamén é necesario chamar previamente. Ana Lucía constata que todos os cidadáns que acudiron este luns fixérono con cita previa salvo unha muller moi maior que acudiu por unha urxencia, e á que atenderon ao momento, e para este martes teñen xa a varias persoas que irán sen cita, pero chamaron previamente e xa teñen asignado un oco. Todos son por casos acreditados como urxencia.
Un dos cidadáns que acudiu con esta circunstancia este luns foi debido a que necesita solicitar unha moratoria dunha hipoteca e, para iso, necesita achegar a documentación dunha nena, pero "naceu en Venezuela e non teño o DNI, só o certificado". No seu caso, saíu sen resolver o problema, pois necesita documentos que deben reenviarle desde Madrid e demoraranse seis meses "porque Madrid está colapsado".
Durante o tempo do confinamento máis estrito si se tramitaron urxencias e, segundo explica a responsable da oficina, os trámites máis habituais foron persoas que acudiron porque lles fallaba o chip do DNI electrónico. Tamén se deron casos de persoas que necesitaban renovar os documentos para realizar trámites en notarias ou bancos, para poder inscribir un neno recentemente nado ou porque requirían un duplicado da tarxeta SIM do seu teléfono, pero, con diferenza, "a maioría, por erro no chip".
O horario de atención ao público será de luns a xoves de 8.30 a 14.30 horas, e de 15.00 a 17.00, e os venres só de mañá. Todas as persoas deben acudir con máscara e levar o importe exacto para cada documento, 12 euros para o DNI. e 30 para o pasaporte, ademais da fotografía, e no caso de primeira expedición a partida literal de nacemento a efectos do DNI, así como o padrón municipal en caso de cambiar de dirección.
Ana Lucía lembra que é importante a puntualidade, xa que o aforo é limitado e o persoal de limpeza haberá de desinfectar o posto despois de cada expedición. Ademais, insiste en que as persoas deben acudir de forma individual e só poderán ir con acompañante os menores de 14 anos e as persoas dependentes.
Relacionadas:
-
Esgótase o prazo para renovar os DNI caducados durante o estado de alarma
Por María José Pita & Mónica Patxot |
-
A oficina do DNI e o pasaporte amplía horario e abre ata as sete da tarde
Por Redacción |
-
Prorrógase durante un ano a validez daqueles DNI que caduquen a partir da declaración do Estado de alarma
Por Redacción |