Xuño comeza cunha semana de inestabilidade atmosférica e descenso de temperaturas nas Rías Baixas
Por Redacción
O mes de xuño comeza cunha situación intermedia entre as altas e as baixas presións nas Rías Baixas e en toda Galicia. A entrada de aire frío en altura provoca inestabilidade atmosférica, segundo expón o servizo de Meteogalicia. Os ceos manteranse este luns 1 parcialmente cubertos coa posibilidade de chuvascos de carácter tormentoso. As temperaturas experimentarán un lixeiro descenso para situarse entre os 17 e os 24 graos. Os ventos soprarán frouxos, de dirección variable pola mañá e de compoñente norte durante a tarde.
Durante o martes, o aire frío manterase nas capas altas da atmosfera e deixará unha nova xornada de moita inestabilidade. Os ceos continuarán parcialmente cubertos, con chuvascos de carácter tormentosos máis probables e intensos durante a tarde no interior de Galicia. Rexistraranse néboas costeiras en todo o litoral. As temperaturas situaranse entre os 16 e os 24 graos. O vento soprará frouxo de dirección variable durante a mañá e con compoñente norte ao longo da tarde.
O mércores apenas aparecerán cambios. O aire frío continuará achegando inestabilidade. Os ceos seguirán cubertos, con chuvascos tamén máis probables durante a tarde. As temperaturas situaranse entre os 16 de mínima e os 22 de máxima. O vento soprará moi frouxo, con brisas na costa e durante a noite entrará o nordés.
As altas presións do Atlántico norte afectarán a Galicia o xoves 4 de xuño con entrada de ventos do norte. No centro e no sur de Galicia, o día comezará con intervalos de nubes e claros. A medida que avance a xornada as nubes irán desaparecendo. As temperaturas estableceranse entre os 10 e os 24 graos con ventos frouxos de compoñente norte.
A medida que se achega a fin de semana, as Rías Baixas continuarán baixo a influencia das baixas presións. As posibilidades de precipitacións será alta, con temperaturas algo baixas para esta época do ano, que se situarán entre os 11 e os 22 graos. As altas presións volverán entrar a partir do domingo con ventos do nordés.