A Lama recupera a súa feira
Por Redacción
O público respondeu na recuperación da feira da Lama, a primeira que se celebra neste municipio desde que se decretara o estado de alarma, e que se saldou con numerosa presenza de visitantes que tiveron como protagonistas a case unha vintena de postos de venda ambulante de sectores tan dispares como o téxtil, alimentario, panadeiro, agrícola, queixeiro, embutido e un pulpeiro que axudou a dinamizar este evento.
Os postos, concentrados na Alameda de Lama, foron ubicados de tal xeito que se puideran respectar ao máximo as medidas de seguridade e distanciamento social.
Asemade, membros do equipo de goberno e de Protección Civil coordinados polos tenentes de alcalde, David Carrera e Jorge Méndez, e o concelleiro David Vidal, repartiron máscaras entre as persoas que se achegaron ata a feira e carecían delas, ademais de ubicar varios dispensadores de xel hidroalcólico para o uso da xente.
A feira da Lama, fiel á súa tradición, concentrou este domingo a vendedores ambulantes de roupa, calzado panadería, produtos da horta, queixería, embutidos, comestibles e plantas, ademais do pulpeiro, que rexistrou longas ringleiras de persoas que se achegaban para mercar e levar para casa ou degustar o polbo baixo carpa e nas mesas habilitadas na Alameda.
Entre os asistentes atopábase o alcalde da Lama, Jorge Canda, quen recibiu con satisfacción esta reapertura da actividade feiral como motor de dinamización económica do municipio e salientou que "moitisima xente veu ata a feira porque xa tiña gañas de participar nunha actividade destas características".
"Hai un ambiente común a todos caracterizado polas gañas de que se recupera a normalidade canto antes. De feito mírase que a xente ten gañas de volver a recuperar a súa vida, con prudencia e responsabilidade, pero coa decisión clara de que non haxa unha volta atrás", indicou o alcalde.