A Garda Civil confisca 9.330 mascarillas sen homologar en Meis
Por Oskar Viéitez
A Garda Civil confiscou este venres en Meis 9.330 mascarillas sen homologar, que supostamente estaban destinadas para a venda por xunto en distintos establecementos comerciais da comarca.
Segundo informaron fontes oficiais do Instituto Armado, a intervención produciuse durante a tarde do venres cando os efectivos das Patrullas de Fiscal e Fronteiras da Garda civil de Pontevedra e Vilagarcía de Arousa realizaban un punto de verificación fiscal no quilómetro 3,000, da estrada PO-300, no termo municipal de Meis.
Ao inspeccionar o maleteiro do vehículo, a Garda Civil localizou 9.330 máscaras cirúrxicas, infantís e FFP2, sen nigún tipo de homologación, e sen certificado de selo de conformidade europea (CE). O valor no mercado das máscaras que foron aprehendidas pode superar os 18.000 euros.
Ao non achegar o condutor do vehículo, ningún tipo de documentación que puidese xustificar a orixe comunitaria destes artigos, nin outra documentación que acreditase a legalidade da súa venda, notifícaselle a presunta comisión dunha infracción á Lei de Contrabando.
Segundo púidose comprobar, esta persoa, que resultou ser un veciño de Bueu, de 45 anos e de orixe asiática, estaba a vender as máscaras en establecementos comerciais da zona.
O material intervido será posto ao dispor da Sección de Aduanas e Impostos Especiais en Pontevedra.