O Concello ampliará a superficie de estacionamento en Combarro e creará prazas para residentes
Por Redacción
Os veciños de Combarro terán prazas de aparcamento de uso exclusivo para residentes do núcleo histórico da parroquia. O Concello de Poio ten deseñado un plan de tráfico que servirá para dotar ao porto da vila deste tipo de prazas sen reducir o número das convencionais, que tamén se verán incrementadas.
O proxecto recolle a implementación de corenta prazas de aparcamento exclusivas para residentes na avenida Francisco Regalado, que conecta a Praza de Chousa co peirao da Canteira. Ademais, a zona na que actualmente estacionan os autobuses pasará a ser destinada a turismos, cunha capacidade para acoller 80 automóbiles.
Os autocares, pola súa banda, contarán cunha parada rotatoria na que poderán permanecer durante 15 minutos, que se empraza na marxe dereita da entrada ao espigón do peirao.
O Concello de Poio ten a intención de que este plan estea operativo para o inicio da tempada estival. Trátase dunha medida que xa foi presentada á presidenta de Portos de Galicia en outubro do ano pasado, na que achegaron os planos pertinentes. A Administración municipal confía en que o
ente autonómico dea o visto e prace ao plan, que presenta como vantaxes o aumento de prazas para turismos sen ningún tipo obra.
A concelleira de Seguridade Cidadá, Marga Caldas, considera que esta actuación tamén supoñerá “un beneficio importante para a hostalería local, así como para os veciños do centro histórico, que poderán ter aparcamento garantido en épocas de gran afluencia de turistas e visitantes, como sucede no verán ou en Semana Santa”.
O Concello encárgase agora de estudar os requisitos para a repartición das tarxetas para poder facer uso destas prazas.
Relacionadas:
-
Poio pacta con Portos de Galicia regular o aparcamento nos peiraos de Combarro, Raxó e Covelo
Por Redacción |
-
Poio inicia o procedemento para a contratación de oito brigadistas para a prevención de lumes forestais
Por Redacción |
-
Reclaman a Sanidade explicacións sobre os cambios de consultorio médico en Poio
Por Redacción |
-
Os accesos peonís en Combarro regúlanse para evitar aglomeracións
Por Redacción |
-
Reabren o punto limpo móbil de Poio con parada en Combarro
Por Redacción |
-
Coa fase 1, volven o mercado de Combarro, a biblioteca e un horario amplo para o cemiterio de Poio
Por Redacción |