O Concello apela ao sentimento marinense na súa campaña para reactivar a economía local
Por Redacción
Ampara a nosa saúde, apoia a nosa economía, abraza o noso turismo e alenta ao noso comercio. Son os catro lemas que engloba a campaña de dinamización do consumo local englobados na campaña Apego á nosa vila, posta en marcha polo Concello de Marín.
Esta campaña forma parte do programa Marín en Rede, a plataforma dixital que o Concello lanzou hai un mes e que conta xa con máis dun centenar de empresas adheridas.
"Hoxe é máis importante que nunca incentivar o consumo na nosa vila apoiando a todos os comercios e locais que precisan da nosa axuda para seguir adiante e superar esta dura situación tanto social como económica", declarou a concelleira de Comercio, Cristina Acuña, durante a presentación da campaña.
Esta iniciativa encherá de cor e mensaxes de concienciación os espazos públicos do municipio. Pero hai máis. O Concello segue planeando novas accións para fomentar o gasto a nivel local ao mesmo tempo que ofrece formación en competencias dixitais ao tecido empresarial.
A campaña #PonllesCara serviu a moitos comercios para gravar un pequeno vídeo promocional compartido na rede a través da plataforma Marín en Rede. "Isto facilita a promoción das súas marcas e redunda nun beneficio global para toda a economía da nosa vila", subliña Acuña.
Na hostalería, pronto empezarán a repartirse os adhesivos QR para consultar a carta con seguridade.
Marín en Rede é un programa de dinamización comercial impulsado polo Concello de Marín a través da estratexia Edusi 2020 cofinanciada cos fondos FEDER da Unión Europea
Relacionadas:
-
O BNG chama á solidariedade de Marín para apoiar o comercio local fronte a Amazon ou Aliexpress
Por Redacción |
-
Marín lanzará no verán Stock Marín, a súa propia feira de oportunidades
Por Redacción |
-
O viario de praias pasará a ser dunha soa dirección e contará con lonas informativas
Por Redacción |
-
Marín promove unha axuda específica para paliar os efectos da crise nas vítimas de violencia de xénero
Por Redacción |
-
Marín reabre as súas pistas deportivas ao aire libre para o seu uso público
Por Redacción |