Unanimidade e concordia no Pleno da Deputación de Pontevedra
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
O Pleno ordinario da Deputación de Pontevedra celebrado este venres aprobou por unanimidade todos os puntos da orde do día facendo todos os grupos gala dunha gran concordia.
O asunto máis importante tratado no Pleno foi un expediente de modificación de crédito, a terceira deste ano. Segundo explicou o deputado responsable da área económica, Carlos López Font, esta modificación ten un apartado de créditos extraordinarios "para hacer frente a actuaciones de interés público que no pudieron rematarse debido a la pandemia". A medida beneficia aos municipios de Bueu, O Grove, Nigrán e Ponte Cesures "por motivos no imputables a la debida diligencia en el cumplimiento del Plan".
Tamén inclúe esta modificación outro apartado de "suplemento de crédito" de 120.000 euros, segundo explicou López Font, xustifícase "pola situación extraordinaria derivada do estado de alarma", como a compra de máscaras ou EPIs.
A presidenta da Deputación, Carmela Silva agradeceu a "altura de miras" demostrada polos representantes do Partido Popular na administración provincial durante toda esta crise da Covid-19.
O portavoz popular, Jorge Cubela, lembrou que estes acordos foron acordados por todos os grupos políticos no seo do comité de seguimento da Covid-19, que terminará a súa tarefa a próxima semana.
"Este grupo, cando o goberno mostra a súa disposición de pactar, sabe estar aí", destacou Cubela. "Oxalá sexan moitos máis" os acordos, xa que "segue a nosa man tendida", proclamou o portavoz do PP.
Carmela Silva afirmou que "creo que cando as cousas se fan ben e se fan de mutuo acordo hai que ter a capacidade política de facer recoñecementos" e, neste sentido, destacou que algunhas das propostas aprobadas hoxe no pleno son iniciativa do PP. "En nome do Goberno, grazas", dixo.
Tamén o vicepresidente da Deputación, César Mosquera, valorou positivamente este "bo paso" que deu a actual corporación e "espero que se poida consolidar", algo que non vira nos 29 anos que leva representando ao BNG na institución provincial pontevedresa. "Estou esperanzado", admitiu.
No pleno deste venres tamén se aprobou a modificación das bases reguladoras do Plan provincial de obras e servizos, coñecido como o Plan Concellos. "Es una modificación de apoyo a los ayuntamientos de la provincia en estos momentos tan difíciles", indicou López Font.
Igualmente deuse luz verde a unha minoración das axudas ao amparo do Plan de Reequilibrio e concesión de subvencións para rematar os denominados proxectos singulares.
O pleno celebrouse de modo telemático, arrincou cun minuto de silencio polas vítimas da Covid-19 e non incluíu mocións políticas na orde do día.
Relacionadas:
-
O Partido Popular propón á Deputación que amplíe os contratos do Plan Concellos ata febreiro de 2021
Por Redacción |
-
Unha comisión técnica asesorará os concellos na posta en marcha de medidas pola crise da Covid19
Por Oskar Viéitez |
-
A Deputación analiza o impacto da pandemia nos proxectos financiados con fondos europeos
Por Redacción |