VÍDEO.- E ao final, Radio Gominola, tivo un recoñecemento veciñal
Por Marisa Ciordia
Durante dous meses, cada día, a xanela da vivenda de Rafa Córdoba na rúa Estrada abríase despois das oito da tarde para tratar de aliviar o confinamento con música e con cancións dedicadas que lles facían chegar os veciños. El e dúas das súas fillas, Vitoria e Laura, botaron man de enxeño e optimismo, para achegar o seu gran de area fronte ao excepcional panorama.
A súa iniciativa calou entre a veciñanza, que xa naqueles momomentos fixéronlles chegar os seus agradecementos; e mesmo algún día ata a Policía Local fixo soar as sirenas ao seu paso pola rúa. Co anuncio do cambio á fase 2, Rafa expúxolles ás súas fillas que Radio Gominola "xa non ía encaixar no ecosistema dos veciños", así que o último día ofreceron unha sesión moi especial de despedida.
E algo inesperado sucedía o pasado sábado. Rafa fora a visitar á súa nai, cuxa vivenda dispón dun espazo aberto. Dado que xa estaban permitidas reunións de ata quince persoas, unha representación dos seus veciños déronlle unha "supersorpresa" e apareceron alí para darlle as grazas persoalmente e entregarlle un agasallo de recordo: "quedei moi flipado como din agora os mozos", flipado e emocionado. Córdoba Muiños ratificou unha das súas máximas como profesor: a base da aprendizaxe é a emoción.
No imprevisto encontro puido poñer cara a algúns veciños, entre comiñas o de poñer cara, porque as máscaras inevitablemente puxéronllo algo complicado, como complicado, por non dicir imposible foi evitar a "derrama emocional" ao recibir a boneca fofucha que lle regalaron e que o representa a el: "co pelo desarreglado que levo eu, a miña calamidade de vestiario, as miñas zapatillas con cordóns desabrochados, o megáfono...", se autodescribe Rafa.
As situacións difíciles sacan o mellor e o peor do ser humano; neste caso toca falar e deixar constancia da primeira parte.
Relacionadas:
-
RADIO.- A playlist de Rafa Córdoba, que risión!
Por Marisa Ciordia |
-
VÍDEO.- Barro celebra a I Festa do Churrasco Interbalcóns
Por Diego Torrado |
-
Rafa Córdoba e Radio Gominola, un equipo para levantar o ánimo durante o confinamento
Por Marisa Ciordia |
-
VÍDEO.- Guille Pérez, o pianista na terraza que anima o vecindario de Eduardo Pondal
Por Redacción |
-
Unha cativa fai cantar desde a súa fiestra o "Ola Don Pepito" a todos os veciños de Uxío Novoneyra
Por Manu Otero |