O grao en Deseño e Creación terá espazos propios no edificio administrativo de Benito Corbal
Por Alejandro Espiño
O consello do campus abordou a oferta académica do campus para o curso 2020-2021, no que Pontevedra manterá "exactamente os mesmos" títulos de grao, mestrado e doutoramentos, coa única novidade da modalidade virtual de Dirección e Xestión Pública.
Esta novidade foi cualificada como un "acerto" polo reitor, que reiterou en que se ben as titulacións presenciais "son sen dúbida a mellor opción para o alumnado novo", a opción virtual permite "captar estudantado en novos caladoiros", como alumnos doutros países de fala castelá ou persoas con emprego.
Así mesmo, coa idea de "facer máis visible este grao" xunto co mestrado virtual en Dirección Pública e Liderado Institucional, Manuel Reigosa anunciou que está previsto propor a creación dunha Facultade de Dirección e Xestión Pública na próxima sesión do claustro, que ata o de agora non puido reunirse de xeito presencial.
No referido á oferta académica, Reigosa lembrou que finalmente a Universidade de Vigo non contará con ningún grao aberto o vindeiro curso e traballará para súa posta en marcha no curso 2021-2022, trasladando tamén o seu desexo de o campus poida contar tamén cun destes graos, no que o alumnado cursa materias de diferentes titulacións.
Tamén no curso 2021-2022, está prevista a posta en marcha do novo grao en Deseño e Creación, respecto do que o reitor sinalou que nestes momentos trabállase na modificación da memoria, na que "posiblemente nos pidan que o grao teña algunha instalación propia".
Para iso, sinalou, "a ferramenta máis útil que temos sexa, probablemente, incluír espazos que agora mesmo estaban pensado para outras cousas" dentro do antigo edificio administrativo de Benito Corbal, no que a institución académica contará con tres plantas.
Por outra banda, no referido ao campus de especialización, Reigosa sinalou que "estamos neste momento nun compás de espera", xa que a convocatoria de acreditación de Educación "deixa fóra" tanto ao Campus Crea como ao Vigo Tecnolóxico, ao esixir que os proxectos de especialización teñan un plan estratéxico realizado antes de 2017 con fondos da Xunta.
Relacionadas:
-
Unha pantalla de madeira illará, a finais de 2023, o campus do ruído do tráfico da avenida de Compostela
Por Anxo Lourido |
-
A Universidade instalarase no edificio da Xunta en Benito Corbal a finais de xuño
Por Manu Otero |
-
A UVigo prevé a posta en marcha do grao en Deseño en Pontevedra no curso 2022-23
Por Redacción |
-
A Xunta quéixase polo atraso na licenza para terminar a sede de Benito Corbal
Por Redacción |
-
A Universidade autoriza 14 probas presenciais en Forestais, Belas Artes e Fisioterapia
Por Oskar Viéitez |
-
A selectividade será "diferente" con máis centros de exames e menos movemento de alumnos
Por Alejandro Espiño |
-
Dirección e Xestión Pública no campus de Pontevedra será o primeiro grao universitario galego con modalidade virtual
Por Redacción |
-
Vinte alumnos estrearán a modalidade virtual do grao en Dirección e Xestión Pública
Por Redacción |
-
A Universidade non pecha a porta á presencialidade para os exames finais
Por Redacción |