A Deputación aprobará este venres investimentos por case 2 millóns de euros para 18 concellos
Por Oskar Viéitez
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva informou este xoves dos asuntos aprobará a Xunta de Goberno convocada para este venres, día no que tamén está convocado un pleno ordinario. Debido a esta coincidencia adiantouse a rolda de prensa.
Como asuntos máis destacados Carmela Silva sinalou que nesa Xunta de Goberno "imos aprobar investimentos por case 2 millóns de euros para 18 concellos da provincia", dentro da liña 1 do Plan Concellos. As axudas están destinadas aos concellos de Gondomar, Caldas de Reis, O Grove, Nigrán, Redondela e Salvaterra do Miño, para diversas actuacións.
E dentro da liña 2 do Plan Concellos, destinada á creación de emprego, está previsto destinar case 102.000 euros aos municipios de Barro, Cerdedo-Cotobade, A Estrada e Vilagarcía de Arousa. Tamén haberá recursos dentro da liña 3, para a conservación e o funcionamento de bens e servizos, na que serán beneficiarios O Rosal e Cambados.
"Xa levamos concedidos 16,5 millóns de euros aos concellos", subliñou a presidenta.
PLAN MÓVESE III
Outro dos asuntos que figuran na orde do día da Xunta de Goberno é a terceira edición do Plan Móvese, deseñado co "modelo de mobilidade integral, sostible e segura", de acougado de tráfico e priorización das persoas antes que os vehículos.
A súa planificación xa está finalizada e coa súa aprobación en Xunta de Goberno dáse inicio ao procedemento de contratación dos primeiros lotes de obras.
Móvese III significará en ano e medio un investimento total nas estradas provinciais de 2,5 millóns de euros, un millón de euros no que resta deste ano e 1,5 millóns en 2021. En total executaranse 478 obras que beneficiarán a 54 concellos da provincia na seguridade viaria, na prevención de accidentes e facilitando novos hábitos saudables das persoas que utilizan as estradas provinciais para camiñar ou facer deporte.
"Entre as tres edicións suman 7 millóns de euros e 1.500 actuacións desde 2016" valorou a presidenta da Deputación, "con estes recursos hai actividade económica e créase emprego", engadiu.
CONSERVACIÓN DE FIRMES
Finalmente, será este venres cando se adxudique a conservación de firmes nas estradas provinciais da denominada Zona A que inclúe os concellos de Pontevedra, Vilaboa, Cerdedo-Cotobade, Barro, Poio, Bueu, Marín, Cangas, Moaña, Caldas, Portas, Moraña e Campo Lameiro.
E tamén se aprobará un novo proxecto de conservación de firmes para a Zona C, que inclúe as comarcas do Deza e Tabeirós-Terra de Montes. Está pendente de que se resolva o contrato en vigor que tiña a empresa Nexia, actualmente en proceso concursal, así que mentres non se adxudique, "seguimos actuando nesa zona con medios propios", indicou Silva.
Relacionadas:
-
A Deputación aproba investimentos por un total de 8 millóns de euros
Por Oskar Viéitez |
-
A Deputación aproba medio millón de euros para o deporte pontevedrés
Por Redacción |
-
A Deputación ten previsto investir 2,5 millóns de euros en 478 obras en estradas provinciais
Por Redacción |
-
A Deputación adxudica obras de conservación de firmes por valor de 2,2 millóns de euros
Por Oskar Viéitez |