Convocan unha manifestación do persoal de centros sanitarios pidindo a dimisión da xerencia para este venres 29 por Pontevedra
Por Anxo Lourido
Os sindicatos CESM Galicia, CO-BAS e PROSAGAP convocan a todo a persoal da área Sanitaria de Pontevedra: dos Hospitais Provincial e Montecelo de Pontevedra, Centros de Atención Primaria e PACs para que se somen á manifestación programada para este venres 29 de maio.
Esta marcha iniciarase ás 20.00 horas no Hospital Provincial e percorrerá o centro da cidade ata chegar á praza de España. Solicitan á cidadanía que mostre o seu apoio desde os seus domicilios e a través das redes sociais. Este acto contará, segundo os organizadores, con todas as medidas de seguridade con separación de dous metros entre os participantes e uso de máscaras de protección. Segundo afirman, non se van a utilizar siglas de ningún tipo.
Esta protesta ten como obxectivo pedir a dimisión da xerencia da área Sanitaria de Pontevedra, que lidera José Ramón Gómez. Estes sindicatos entenden que se realiza unha "pésima xestión" durante a última década dos recursos sanitarios agravándose a situación coa aparición da pandemia da Covid-19.
Queren que se poña fin á precariedade laboral e á manipulación dos datos por parte desta xerencia; que se realice unha planificación integral e eficiente dos recursos negociando cos representantes dos traballadores e reactivando a asistencia médica; e que se executen melloras xa pactadas nos servizos de Atención Primaria e nos PACs. Ademais reclaman a reactivación da actividade cirúrxica e que se evite a derivación de pacientes pendentes de operación á sanidade privada.
Por último, estes tres sindicatos demandan recursos económicos e de persoal suficientes na Sanidade Pública para afrontar novas crises como a que se sufriu durante os días de máis actividade con motivo de casos do coronavirus.
Estes representantes do persoal sanitario afirman que "están fartos de que non haxa unha negociación planificada coa Dirección da área Sanitaria de Pontevedra tanto para aplicar o Plan de Reactivación Asistencial anunciado polo SERGAS, como para contar cos medios materiais e humanos que se necesitan tanto nos Centros de Atención Primaria como en ambos os Hospitais". Estas necesidades, afirman, que se viron incrementadas coa epidemia do coronavirus.
Esta manifestación convócase despois de oito concentracións realizadas polos tres sindicatos no Provincial e Montecelo para reclamar a aplicación da Lei de Prevención de Riscos Laborais coa falta de equipos de protección persoal para o persoal sanitario.
Relacionadas:
-
Sindicatos acusan os responsables sanitarios de "tentar boicotear" as súas protestas e liberdade de expresión
Por Redacción |
-
Nova concentración nos hospitais de Pontevedra ao berro de "xerente dimisión" ante o temor da privatización de Mantemento
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Numerosa manifestación de profesionais do sector sanitario pedindo a dimisión da xerencia dos hospitais de Pontevedra
Por Mónica Patxot & Redacción |
-
Persoal de centros dependentes de Política Social inicia protestas para reclamar á Xunta as súas vacacións
Por Mónica Patxot & Redacción |
-
Concentracións nos hospitais públicos para reclamar á xerencia planificación do persoal para os vindeiros meses
Por Redacción |
-
Sindicatos dos hospitais de Pontevedra acusan á xerencia de "maquillar" os datos sobre profesionais contaxiados
Por Redacción |
-
Persoal sanitario do CHUP denuncia a identificación de 1.640 máscaras de protección defectuosas
Por Anxo Lourido |
-
Proxectan unha manifestación sindical en maio para demandar medidas de seguridade para o persoal sanitario
Por Diego Torrado & Anxo Lourido |