Pontevedra proba un tratamento pioneiro con plasma hiperinmune e antiviral para tratar unha paciente con coronavirus que recaeu
Por Natalia Puga
O antiviral Remdesivir e o plasma hiperinmune protagonizan, por separado, ensaios clínicos para determinar a súa eficacia contra o coronavirus e desde hai uns días déronse a man no Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra para tratar a unha paciente que, pola súa gravidade, requiría medidas extremas.
O equipo dirixido por Adolfo Baloira Villar, xefe de Pneumoloxía do complexo hospitalario, ideou unha estratexia terapéutica para unha paciente combinando ambos os tratamentos. É a primeira vez que se utiliza esta unión de forzas en Galicia e unha das primeiras veces en España para tratar a pacientes con COVID-19 e, nos seus primeiros días, deixou un resultado "espectacular" que deixou lugar á esperanza.
A paciente está en tratamento co fármaco Rituximab, que "destrúe a maior parte das células que fabrican os anticorpos", isto é, non ten capacidade para producir eses anticorpos. Semanas atrás estivo ingresada no hospital con coronavirus e, tras realizarlle as probas PCR correspondentes, deu negativo, considerouse curada e foise á súa casa, pero, 15 días despois, volveu presentar síntomas da enfermidade.
O corpo desta paciente, de mediana idade, non xerara anticorpos polo tratamento que estaba a recibir, de modo que volveu ingresar e "reapareceu" o virus Covid-19. De momento, están á espera de coñecer os resultados duns estudos xenéticos que lle realizaron para saber se é o mesmo virus ou é outro, porque, segundo explica o doutor Baloira, "iso ten a súa importancia", pero a paciente necesitaba tratamento e optouse por esta combinación.
Primeiro introducíronlle no seu corpo anticorpos 'anti- covid' que ela non pode producir. A terapia con plasma hiperinmune, que en Galicia empezou no hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, xa chegou a Pontevedra e consiste en extraer o plasma de pacientes que tiveron a enfermidade e, por tanto, xeraron anticorpos contra o coronavirus e usalos noutros pacientes. No caso desta muller á que están a tratar agora, seleccionaron a un dos doantes que "tiña unha alta taxe de anticorpos".
Como tratamento complementario, dado que era unha paciente grave que tiña pneumonía bilateral, non tiña capacidade para producir anticorpos e estaba moi inmunodeprimida, decidiron utilizar tamén o Remdesivir. O plasma e este fármaco antiviral son "as dúas opcións terapéuticas que entendemos que son as que teñen visos de ser eficaces contra o virus", por iso decidiron combinalos.
No caso do Remdesivir, tiveron que pedir autorización para o seu uso fóra dun ensaio clínico á Axencia Española do Medicamento. Optaron por el porque é "quizais o fármaco que ten máis probabilidade de chegar a ser un bo fármaco contra o Covid". O ensaio clínico con máis de 1.500 pacientes aínda está en marcha, pero xa se coñecen os resultados dos estudos previos que din que "acurta o tempo que o virus está no paciente", pasando de 11 a 4 ou 5 días.
No caso desta paciente, "o importante é eliminar canto antes o virus do organismo", porque, segundo explica Baloira, "un dos factores de risco máis importantes para ter unha enfermidade severa é a carga viral inicial e se non se teñen defensa suficientes é moito peor". Nesta paciente, realizaron unha proba PCR semicuantitativa que revelou que tiña unha "carga altísima" de virus, por iso pareceulles "idóneo" optar por esta estratexia e "sumar as forzas de dous tratamentos diferentes, pero co mesmo obxectivo, eliminar o máis rápido posible o virus do paciente".
Relacionadas:
-
Un doutor de Pontevedra, entre os mellores médicos de España para a revista Forbes
Por Alejandro Espiño |
-
RADIO.- "É mellor estar seguros que facer unha vacina rapidamente e que non sexa a solución"
Por Marisa Ciordia |
-
A COVID-19 reduce nun 85% a taxa de trasplantes de órganos realizados desde marzo
Por Redacción |