Luciano Sobral quere falar coa conselleira das obras da PO-308 en Raxó
Por Oskar Viéitez
O alcalde de Poio, Luciano Sobral, remitiu este mércores un escrito á Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través do cal solicita a celebración dunha reunión coa titular deste departamento autonómico, Ethel Vázquez, para falar sobre os detalles da execución da obra que a Xunta de Galicia está a acometer na estrada PO-308 á altura da parroquia de Raxó.
Previamente, o rexedor nacionalista porase en contacto cos colectivos e agrupacións desta localidade, para tomar nota das súas peticións e inquedanzas, de xeito que tamén lle poidan ser trasladados á Administración autonómica. Este encontro, no que tamén participarán os voceiros dos tres grupos que forman o Goberno municipal, levarase a cabo nos vindeiros días.
O Concello insiste no seu compromiso en acadar unha solución viable para que a execución destas obras se leve a cabo na súa totalidade do mellor xeito posible, dando resposta ás demandas veciñais no que a accesos, mobilidade e seguridade peonil se refire.
TRAMITACIÓN DE EXPEDIENTES URBANÍSTICOS
Por outra banda a Xunta de Goberno Local aprobou unha proposta de ampliación de medidas no ámbito urbanístico, a aplicar durante a fase 2 do Plan Transitorio ata a "nova normalidade".
O obxectivo da mesma é dar cabida a novos criterios de actuación aplicables á tramitación de expedientes no departamento de Urbanismo, dirixido polo socialista Gregorio Agís, e Aperturas, que se unan aos impulsados a principios de maio. Dentro deste último grupo xa se incluíran, por exemplo, os permisos para a realización certos traballos de instalacións urxentes ou reparación de averías, así como construcións de nova pranta.
Relacionadas:
-
Pasos de peóns e prazas de carga e descarga, principais reclamacións veciñais á Xunta para a reformada PO-308
Por Redacción |
-
O concelleiro de Urbanismo insiste nas numerosas anomalías da reforma viaria que a Xunta acomete en Raxó
Por Redacción |
-
A Xunta lamenta a "absoluta falta de colaboración do Concello de Poio" nas obras da estrada PO-308
Por Oskar Viéitez |