Minuto de homenaxe ás vítimas do coronavirus na Subdelegación do Goberno para iniciar os 10 días de loito
Por Mónica Patxot & Redacción
Maica Larriba, subdelegada do Goberno, presidía o acto de homenaxe que se desenvolvía no mediodía deste mércores no edificio da Subdelegación do Goberno en Pontevedra ao que acudían representantes políticos de diversas institucións como a presidenta da Deputación Carmela Silva e o alcalde de Pontevedra Miguel Anxo Fernández Lores. Ademais asistiron a comisaria provincial da Policía Nacional, Estíbaliz Palma e Simón Venzal, coronel xefe da Garda Civil en Pontevedra.
A subdelegada tivo palabras emotivos para expresar a dor e trasladar as condolencias polos máis de 600 falecidos en Galicia debido á pandemia da Covid-19. Sinalou que o Goberno central mantivo como prioridade a protección da saúde pública e con motivo do inicio da volta á normalidade, Maica Larriba sinalaba que é o momento de render homenaxe ás persoas que perderon a vida estes meses ao longo dos dez días de loito que se inician desde esta xornada.
Larriba apuntou que a enfermidade vai cambiar costumes e as formas de relacionalos socialmente, pero afirmaba que tamén serviu para xerar maior unión. "A sociedade desta provincia soubo estar á altura de maneira individual e colectiva. Fíxonos sacar o mellor de cada un", apuntou destacando a solidariedade e o altruísmo que se viron con múltiples escenas diarias. "Como sociedade saímos fortalecidos", recoñeceu.
Tamén se realizou unha lembranza especial para as 272 persoas falecidas en Galicia que residían en Centros de Maiores. A subdelegada lamentou que sufriran esta "terrible pandemia" dunha maneira máis directa e considera xusto que se lle renda unha homenaxe especial manifestando o respecto aos seus familiares e achegados despois de que estas persoas se sacrificaran ao longo da súa vida para consolidar o progreso da sociedade.
No edificio administrativo da Xunta de Galicia en Campolongo tamén se desenvolvía unha concentración de homenaxe ás vítimas encabezada polo delegado territorial Jose Manuel Cores Tourís.