Agradecemento dende a Xunta aos nove médicos que fixeron voluntariado no teléfono do coronavirus
Por Redacción
O Hospital Provincial de Pontevedra acollía este martes unha videoconferencia presidida polo conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, na que recoñeceu o labor solidario e voluntario dos nove facultativos da Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés que desde o pasado mes de marzo reforzaron a dotación de efectivos do teléfono gratuíto 900 400 116, achegando información e xestionando consultas da cidadanía sobre o coronavirus.
Dáse a circunstancia de que seis dos nove médicos que fixeron este traballo de voluntariado xubiláranse recentemente.
No transcurso deste evento telemático, ao que tamén asistiu o xerente da Área Sanitaria de Pontevedra e o Salnés, José Ramón Gómez Fernández, xunto con outros directivos sanitarios, o titular de Sanidade destacaba o valor das tarefas desempeñadas por todos os profesionais do Sistema Sanitario galego, aos que agradeceu a súa adicación, profesionalidade e traballo en equipo durante a actual pandemia polo COVID-19.
En palabras do conselleiro, "máis ca nunca neste tempo, todas as categorías están a ser vitais na loita contra o coronavirus. Profesionais da medicina, a enfermería, auxiliares, administración, limpeza, mantemento etc, merecen recoñecemento polo esforzo. E, no caso destes profesionais xubilados, grazas pola vosa experiencia, coñecemento e capacidade para aportar desde o teléfono gratuíto 900 400 116".
Finalmente, Jesús Vázquez Almuiña fixo un chamamento ao colectivo de profesionais retirados para que, independentemente da súa xubilación como persoal activo, non se afasten dunha institución Sanitaria Pública da que sempre formarán parte.