Ata sete anos de cadea por unha redada antidroga no pub 'Zona 7'
Por Natalia Puga
A Audiencia Provincial de Pontevedra xulga este xoves as consecuencias derivadas dunha redada antidroga realizada pola Policía Local da capital no pub 'Zona 7', ubicado na rúa Florez da zona monumental da cidade.
Haberá tres persoas sentadas no banquiño dos acusados. O principal imputado será o dono do local, M.A.T.M., para quen a Fiscalía solicita unha condena a sete anos de cadea como autor dun delito de tráfico de drogas. Pola mesma infracción penal deberán rendir contas C.E.L.A. (para quen o fiscal pide cinco anos de condena) e J.A.F.G. (un ano).
O operativo policial no que foron detidos realizouse o 29 de xaneiro de 2011 en resposta ás múltiples queixas realizadas polos veciños do contorno sobre a suposta venda de drogas no 'Zona 7'.
Os tres acusados foron sorprendidos en posesión de cocaína e cannabis supostamente destinada á súa venta a clientes que captaban tanto dentro do pub como nas súas inmediacións.
O operativo conlevou o rexistro do bar 'Zona 7'. Segundo recolle o fiscal no seu escrito de acusación, cando os axentes accederon ao mesmo observaron que o dono intentaba ocultar unha caixa de caudais na que posteriormente se localizaron 59 envoltorios de cocaína e 500 euros en billetes.
Ademais, dentro do bar había clientes que tiñan no seu poder pequenas cantidades de estupefacientes que compraran a este acusado ou a terceiras persoas.