EC Casas retoma as obras da senda e na ponte de Monte Porreiro
Por Redacción
As obras de mellora da estrada de acceso a Monte Porreiro e da Ponte das Palabras entran por fin na súa fase final. A empresa EC Casas, que fora adxudicataria dos traballos en novembro do 2019, poderá despois de varios contratempos finalizar as actuacións previstas e deixar rematada a vía en perfecto estado de revista para que sexa o Concello, o seu novo titular, o que se encargue a partir de agora do seu mantemento.
Os operarios da firma construtora comezaron xa o luns a realizar labores de limpeza na zona da senda peonil e ciclista, para comezar este martes a extender un material especial (‘slurry’) de cor encarnado que resaltará sobre a zona da calzada e permitirá transitar ás persoas con máis garantías de seguranza viaria. Prevese que a impregnación desa leitada bituminosa ao longo de todo o viario dende a glorieta de Monte Porreiro ata a da estrada de Campo Lameiro e dende esta á glorieta de Médico Ballina, dure toda esta semana. Será entón o momento de iniciar o pintado da sinalización horizontal (liñas lonxitudinais laterais e centrais, cebreados, illas, elementos de sinalización peonil…) en toda a vía.
A obra de mellora da vía a Monte Porreiro e da Ponte das Palabras tomou máis tempo do previsto por diferentes complicacións. A actuación fora solicitada polo Concello de Pontevedra logo de comprobar deficiencias na estrada as persoas usuarias da vía levaban tempo advertindo.
O servizo de Mobilidade da Deputación realizou unha inspección e comprobou o estado de conservación deficiente da vía polo borrado case absoluto das liñas lonxitudinais. Tamén comprobou que existían dúas intersección con pasos de peóns que se estimaba conveniente protexer mediante actuacións para a redución de velocidade, xa que existía unha situación de perigo de accidente para as persoas usuarias.
Ademais dos elementos de calmado de tráfico para obrigar a diminuír a velocidade dos coches e facilitar o tránsito peonil seguro á hora de cruzar a estrada, no contrato con EC Casas, incluíase unha roza de noiros en todo o percorrido, a mellora da sinalización vertical, a reposición das pilonas de caucho da ponte que están rotas, e tamén o tratamento para marcar a senda peonil e ciclista.