O espazo público da cidade de Pontevedra xogará un papel fundamental na recuperación da actividade cultural
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores e a concelleira Carme Fouces, mantiveron unha reunión este martes no Teatro Principal con distintos representantes do ámbito cultural e creativo da cidade.
Foi un "primeiro contacto" dentro da rolda de reunións que o rexedor está a manter con distintos sectores afectados pola crise derivada da pandemia da Covid-19.
Neste caso, Fernández Lores quixo destacar que "para nós a Cultura ten unha importancia fundamental, como o modelo urbano ou a lingua" e tamén subliñou a capacidade deste sector para xerar actividade económica e emprego e que "a Cultura está moi relacionada coa forma de entender a cidade por parte do noso Goberno".
"As festas, o Culturgal, a Feira Franca, toda a actividade de rúa, todo iso é fundamental", dixo Lores. "É identidade de país", engadiu.
O alcalde valorou esta reunión como " interesantísima" e comentou que desde o Concello "tentamos transmitirlles o noso apoio e coñecer as súas inquedanzas e ver de que maneira podemos reactivar a actividade" tendo en conta a situación actual e as necesidades de seguridade sanitaria.
A intención é comezar con espectáculos con pouco público en xuño, por exemplo, o Cineclube. Así, as actuais recomendacións sanitarias de manter unha separación de dous metros entre persoas reducirían o aforo do Teatro Principal a 60 espectadores e o do auditorio do Pazo dá Cultura a 90.
Como resumo Fernández Lores sinalou que neste encontro abordouse a necesidade de "reinventar toda a actividade cultural nos espazos públicos e pechados", e "apostar pola cultura propia", para poñer en valor a "gran potencia creativa que temos" na cidade e en Galicia.
"Non será sinxelo pero temos unha vantaxe que é o espazo público" da cidade de Pontevedra e ademais "iso xera dinamismo noutros sectores", apuntou.
Diante da incerteza que existe por unha realidade cambiante o sector Cultural baralla fórmulas como "duplicar ou triplicar as sesións dos eventos" ou que a administración local se implique no proceso de creación cultural que é o que máis se resente, colaborar "no acompañamento e non tanto na exhibición" dun produto final, comentou Fouces.
A concelleira explicou que o Concello de Pontevedra tratará de ter un "enfoque cultural diferente ao que se fai noutras cidades" para o que deberá "adaptarse" e manter reunións periódicas para "traballar en rede con todo o sector" co propósito de "manter o máximo número de actividades". Neste sentido será necesario "ver que liñas pódense poñer en marcha e adaptarnos á lexislación", advertiu Carme Fouces.
O alcalde de Pontevedra repetiu unha vez máis a máxima con actuaraa o Goberno Local nestes momentos de crises, "temos que ser serios, sensatos, rigorosos e responsables".
Relacionadas:
-
Pontevedra crea un bono para que oito empresas da cidade teñan un stand de balde en Culturgal
Por María José Pita |
-
Lores, en Lisboa: A COVID está "acelerando" as medidas para ter cidades "máis habitables e seguras"
Por Redacción |
-
As festas de Pontevedra ofrecerán máis de 300 actividades para "volver a vivir a cidade"
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Guadi Galego e Xabier Díaz darán en Pontevedra "o primeiro concerto deste novo mundo"
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |