900 máscaras de protección infantil serán repartidas entre o alumnado para o vindeiro curso
Por Redacción
O Concello de Cerdedo-Cotobade ten previsto repartir un paquete de 900 máscaras de protección infantil para que os escolares dos tres colexios públicos situados no municipio, Carballedo, Tenorio e San Xoán Bautista de Cerdedo, inicien o próximo curso escolar adoptando as necesarias medidas de seguridade sanitaria.
Trátase de pezas de pequeno formato, adaptadas ás medidas das caras dos menores de 12 anos. Dúas empresas, Myagal e Montaxes José Pichel, realizaron a entrega deste material ao alcalde Jorge Cubela.
Con esta medida, o goberno local quere que os 300 escolares de Educación Infantil e Primaria conten cunha media de tres máscaras para comezar a actividade dunha maneira segura.
Na actualidade, explicou o alcalde durante a entrega, os escolares contan con material de protección específico repartido desde o Concello durante as últimas semanas e quérense establecer xa medidas de prevención ante a posibilidade de que se produza un rebrote da enfermidade do coronavirus nos próximos meses.