Asesoramento e titorías para axudar a veciños de Poio a atopar traballo
Por Redacción
A redución da fenda dixital entre os seus usuarios é un dos aspectos nos que está a traballar o Programa Integrado de Emprego do Concello de Poio. As accións deste departamento víronse afectadas polo estado de alarma, que obrigou a aprazar algunhas accións formativas. Con todo, os profesionais desta área puideron seguir prestando outros servizos por vía telemática.
Durante a corentena prestaron asesoramento sobre o uso de novas tecnoloxías ou manexo das redes sociais coa creación dun grupo de traballo en Facebook no que os usuarios comparten ofertas de emprego e ferramentas para buscar traballo, así como consellos e pautas de actuación, a través de titoriais e infografías.
O Programa Integrado de Emprego tamén está a traballar para a reactivación das accións formativas paralizadas. Desde a súa posta en marcha foron 13 as persoas que xa lograron un emprego.
O concelleiro responsable de Promoción Económica, Gregorio Agís, confía en que “podamos aumentar esta cifra a medida que se vaia restablecendo a normalidade, grazas ao esforzo e interese que están a mostrar as persoas ás que asesoramos a través desta iniciativa”.