O BNG aposta por unha grande mobilización social para as eleccións "non hai nada decidido, todo é posible"
Por Oskar Viéitez
O cabeza de lista do BNG pola provincia de Pontevedra, Luís Bará, arrancou este luns a precampaña electoral asegurando que é precisa unha grande mobilización social o 12 de xullo que permita un cambio político galego na Xunta para acadar unha "Galiza máis forte, xusta e con futuro".
O nacionalista destacou que "non hai nada decidido, todo é posible" e lembrou que os galegos "xogámonos moito e está nas nosas mans e no noso voto dar ‘carpetazo’ ás políticas fracasadas do PP que deterioraron e privatizaron os servizos públicos".
Salientou que o BNG sae "a suar a camiseta para gañar" cunha muller á fronte como Ana Pontón con capacidade para ser a primeira presidenta da Xunta.
Así, fixo un chamamento aos sectores máis dinámicos da sociedade galega, ao voto urbano, ao da xente moza, das mulleres, "das persoas que queren o cambio e unha sociedade máis xusta e igualitaria", dixo, asegurando que este momento "é histórico", xa que a crise plantexa un reto colectivo e a oportunidade de conseguir unha saída da crise diferente á de 2008, na que "permanezan os intereses da clase traballadora e non do capital ou dos poderosos".
Segundo destacou Bará, boa parte do debate nesta campaña electoral estará centrada na xestión e resposta despois da COVID-19. Subliñou que o BNG tivo "altura de miras" sendo propositivo, mais insistiu en que se puxeron de relevo dúas cuestións: "o fracaso do centralismo e que a Xunta de Galiza estivo desaparecida", poñendo como exemplo que foi o único goberno autonómico que non aprobou axudas directas a autónomos e pemes.
Segundo dixo, "é preciso un cambio galego feito aquí, por nós", xa que, ao seu xuízo, a crise deixou a lección da fortaleza do local, o propio e o próximo, e da necesidade de cambiar a globalización polo local.
Luis Bará sinalou que o BNG preséntase ás eleccións do 12 de xullo cunha muller á fronte, Ana Pontón, "con capacidade, preparada e dialogante" mentras que "o PP está instalado no triunfalismo e na soberbia".
Bará recoñeceu que a campaña estará marcada polas circunstancias "anómalas e estrañas" e subliñou que o BNG pretende estar moi activo, tanto mediaticamente, nas redes sociais, como presencialmente sempre dentro do estrito respecto ás normas sanitarias. Por iso pediu que se dean tanto as máximas garantías para a saúde, pero tamén democráticas, "sen os vantaxismos e trampas que pretende o PP".
"Queremos unha cobertura equitativa de medios, debates a dobre volta cos líderes e debates territoriais e sectoriais", coas regras claras e garantías nos diferentes formatos. En canto á presenza nas rúas destacou que o BNG terá principalmente actos en espazos abertos e de pequeno formato, "sempre primado a intelixencia e orixinalidade".
Relacionadas:
-
Pontón quere para Galicia unha axenda urbana na que Pontevedra "leva vinte anos de vantaxe"
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Bará aposta por estender dende o goberno galego o "modelo BNG" a toda Galicia "para un rural de excelencia"
Por Redacción |
-
Bará reclama axudas directas para as confrarías ante a caída dos ingresos nas lonxas
Por Redacción |