O PSOE retoma a campaña destacando o "compromiso" do Goberno coa circunvalación de Pontevedra
Por Redacción
Paloma Castro, número 3 da candidatura do PSdeG por esta provincia, destacou este luns o "compromiso" do goberno de España coa "circunvalación" de Pontevedra.
Trátase, como explicou, dunha "obra reactivada polo goberno progresista", trala paralización a causa da pandemia, no tramo Vilaboa-Ermida e que conta cun orzamento de execución de 62 millóns de euros.
No total de Galicia reactivaranse 24 actuacións en infraestruturas por un importe total de 375 millóns de euros.
Ademais, Paloma Castro puxo en valor os traballos de reparación do firme que se levarán a cabo en varias estradas da provincia, para o cal o goberno de España destinará tres millóns de euros.
"A reactivación destas obras confirma o compromiso do goberno progresista con Galicia e con Pontevedra, fronte a un Feijóo indolente que non logrou traer a Galicia nestes anos nin unha soa das infraestruturas comprometidas", concluíu Paloma Castro.