VÍDEO.- 'Tarxeta vermella' á violencia de xénero nos institutos de Pontevedra
Por Redacción
Os institutos da cidade son protagonistas dunha nova campaña contra a violencia de xénero impulsada neste caso pola Concellería de Igualdade en colaboración do Ministerio de Igualdade e o Pacto de Estado Contra a Violencia de Xénero.
O obxectivo da mesma é que os alumnos de secundaria e FP da cidade aprendan a descubrir sinais de alarma da violencia machista nos seus primeiros estadíos.
O proxecto foi bautizado co nome 'Tarxeta Vermella Contra a Violencia de Xénero', e baséase nun vídeo didáctico no que a tarxeta vermella, lembrando á que se usa no deporte, é o símbolo empregado para poñer freo ás condutas inadecuadas, e coa que os estudantes distinguen diferentes comportamentos e abusos como ferramenta de prevención.
Coa elaboración e difusión desta peza audiovisual entre os centros educativos dáselle continuidade a un programa municipal iniciado en febreiro e que se viu interrompido pola crise sanitaria do Covid-19. As primeiras sesións, dirixida a alumnas e alumnos de entre os 12 e 16 anos, xa se impartiron no IES A Xunqueira.
"Convidamos o alumnado a reflexionar sobre os tipos de abuso que aparecen nos medios, de maneira que poidan detectar os sinais de alarma nas súas parellas e na súa contorna máis próxima e levantar a tempo a tarxeta vermella para frealos antes de que pasen ao seguinte estadío", sinalou sobre a campaña a concelleira Paloma Castro.
Relacionadas:
-
Olladas disidentes desde A Xunqueira para espertar conciencias e buscar unha igualdade real e efectiva
Por Mónica Patxot & Natalia Puga |
-
Detidos dous homes en Pontevedra por senllos episodios de violencia machista
Por Redacción |
-
Abre en Pontevedra o primeiro centro de información en diversidade sexual e afectiva de Galicia
Por Alejandro Espiño |
-
Poñen en marcha un programa de intervención para frear a violencia dos fillos sobre os seus pais
Por Redacción |