'Pipa' e 'Comba', dúas "felices recuperacións" no CAAN tras ser operadas de urxencia en pleno estado de alarma
Por Redacción
No medio do estado de alarma no Centro de Acollida e Protección de Animais (CAAN) da Deputación na Armenteira atópanse orgullosos da evolución dalgúns dos cans rescatados nas últimas semanas.
É o caso de 'Pipa' e 'Comba', dúas cadeliñas que entraron no centro en estado grave tras ser atopadas en difíciles circunstancias e con lesións polas que tiveron que ser sometidas a operacións cirúrxicas de urxencia, e que agora se atopan plenamente recuperadas á espera dunha adopción que poña un final feliz á súa historia.
A primeira delas, 'Pipa', foi recollida en Lalín polo persoal do CAAN tan só un día antes da entrada en vigor do estado de alarma, o 13 de marzo, tras un aviso do Concello. Tiña entón só tres meses de idade e presentaba graves lesiones consecuencia dun atropelo, en concreto unha fractura con desprazamento na pata traseira esquerda e fractura sen desprazamento na dianteira. Da primeira destas lesións foi operada no propio centro por un traumatólogo, mentres que da segunda evolucionou favorablemente sen necesidade de cirurxía.
Pola súa banda o caso de 'Comba' foi aínda máis grave. Con 8 anos de idade, foi atopada polo persoal de Conservación de Autoestradas nunha beiravía da Autovía do Salnés o 3 de abril. Ademais de sarna, presentaba un tumor xa ulcerado nunha das súas patas, na que tamén tiña fractura de cúbito e radio, e anemia. Na cirurxía que lle foi practicada nas instalacións do CAAN houbo que amputarlle esta pata e comprobouse con radiografías que non tiña metástases noutros órganos. Tanto desta operación, como da sarna e a anemia a cadela recuperouse con éxito neste último mes e tamén está lista para saír en adopción.
Segundo sinala a Deputación, desde a reapertura do centro de acollida coa fase 1 da desescalada xestionáronse xa ata 40 adopcións. As persoas interesadas en adoptar deben solicitar cita previa no teléfono 986 140 360 e, unha vez que se despracen ao recinto, esperar se é preciso a súa quenda no exterior do centro, co obxecto de evitar concentracións.
Relacionadas:
-
Un verán con bo ritmo de adopcións no CAAN: 57 en xullo, 62 en xullo e 24 no que vai de agosto
Por Redacción |
-
A Deputación inaugura as remocicadas instalacións da CAAN cos mellores datos de adopcións ata a data
Por Redacción |
-
'Os avós' do CAAN, Apro e Coqui, atopan un fogar despois de seis e catro anos no centro de acollida
Por Redacción |
-
29 cans adoptados na primeira semana de reapertura do CAAN
Por Redacción |
-
O Centro de Acollida de Animais da Deputación volve tramitar adopcións de cans
Por Redacción |