O BNG ratifica as súas listas para o 12X con Bará como candidato por Pontevedra
Por Redacción
Non haberá cambios nas listas que o BNG presentará ás eleccións galegas previstas para o 12 de xullo. Os nacionalistas apostarán polos mesmos homes e mulleres que ían nas candidaturas deseñadas para os comicios de abril suspendidos pola pandemia do coronavirus.
O actual deputado Luis Bará, ex concelleiro en Pontevedra, será o candidato do BNG pola provincia. Estará acompañado da tamén deputada Montse Prado, referente do partido no Salnés; da viguesa Alexandra Fernández, ex deputada de En Marea no Congreso; e de Manuel Lourenzo Sobral, portavoz do BNG en Soutomaior.
A candidatura por Pontevedra foi ratificada no Consello Nacional que, de xeito telemático, celebrou o BNG este sábado. Despois da xuntanza, a voceira nacional do partido e candidata á presidencia da Xunta, Ana Pontón, pediu "activarse" para acadar un "cambio galego".
"Se antes do coronavirus era urxente un cambio en clave de país, agora é imprescindible se queremos ter futuro", destacou Pontón, que sinalou que "non imos dicir que hai solucións máxicas, pero si que Galicia pode saír adiante se cambia o rumbo".
A líder nacionalista pediu aos galegos que se mobilicen de cara á cita electoral para que Galicia "deixe atrás a Galicia minguante de Feijóo" e poñer fin aos "once anos de retroceso" que provocou no país o goberno do PP en materia económica e social.
Pontón salientou que a sociedade reclama "solidez, responsabilidade, solvencia e capacidade" e engadiu que todo iso é o que reúne o BNG, unha forza política "seria, con experiencia e capacidade demostrada, que cumpre e sabe xestionar" e que apostará por unha Galicia "forte con autogoberno real e que non baixe a cabeza diante de intereses alleos".
A activista Carmela González Igrexas (Vigo), Paulo Ríos Santomé (Moaña) que é o secretario xeral de Galiza Nova, os mestres Cristina Fernández Davila (Ponteareas) e Xosé Manuel Méndez Díaz (A Guarda), a veterinaria Ariadna Fernández González (Lalín) e Xosé Lois Leirós Gude (Vilagarcía), voceiro dos emigrantes retornados, están tamén nos dez primeiros postos.
Iria Villar Rodal (Cangas), Adrián Rodríguez Bravo (Vigo), Sandra Fernández Agraso (Sanxenxo), Pablo Carracedo Goldar (Cuntis), Jéssica García Cruz (Redondela), Francisco Chivite Mosquera (Mondariz-Balneario), Raquel Pérez Fernández (Vigo), David Marcos Ramos (Vilagarcía), Lola Dopico (Pontevedra), André Abal Mauricio (Moaña) e Miriam Ferradáns Ferradás (Bueu) completan a candidatura, que pecha Lois Pérez Castrillo, ex alcalde de Vigo.
Relacionadas:
-
Ciudadanos retoca a súa lista por Pontevedra pero mantén a Beatriz Pino como candidata
Por Redacción |
-
Sen cambios na lista do PP por Pontevedra, que mantén a Rueda e Lupe Murillo nos primeiros postos
Por Redacción |
-
Peque González será a candidata de Marea Galeguista por Pontevedra
Por Redacción |
-
Pontón quere para Galicia unha axenda urbana na que Pontevedra "leva vinte anos de vantaxe"
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Bará aposta por estender dende o goberno galego o "modelo BNG" a toda Galicia "para un rural de excelencia"
Por Redacción |
-
Bará reclama axudas directas para as confrarías ante a caída dos ingresos nas lonxas
Por Redacción |
-
Lores cre que Galicia "non está en condicións" de celebrar eleccións e Carmela Silva que é unha "irresponsabilidade"
Por Natalia Puga & Alejandro Espiño |
-
Os galegos, chamados de novo a votar o 12 de xullo nas eleccións aprazadas polo coronavirus
Por Natalia Puga | Creada e actualizada