Eliminan un punto de vertido de augas residuais en Tourón
Por Redacción
O Concello de Ponte Caldelas eliminou recentemente un punto de vertido de augas residuais urbanas cara ao dominio público detectado polo persoal do Plan de Control de Vertidos de Augas de Galicia en Tourón.
Segundo a información facilitada pola Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, as actuacións que permitiron a solución da achega contaminante iniciáronse no transcurso dos labores rutineiros de inspección levados a cabo polo persoal do Plan de Control de Vertidos na rede fluvial de Ponte Caldelas.
Os técnicos da Xunta comprobaron que o aporte de augas domésticas procedía dunha condución das vivendas localizadas no lugar de Buchabade, na parroquia de Tourón e pedíronlle ao Concello a adopción das medidas oportunas para a corrección do vertido.
A entidade local procedeu a executar a reparación da condución mediante a conexión das augas residuais vertidas á rede de saneamento municipal existente no lugar.
Nunha nova inspección efectuada polo persoal dependente de Augas de Galicia, corroborouse a efectividade das medidas adoptadas, constatando a execución da actuación que permitiu o cese dos aportes contaminantes ao dominio público.