Este é o 'Inoxgel' que xa están a solicitar por toda España
Por Mónica Patxot & Marisa Ciordia
O de que en tempos difíciles hai que reiventarse ou que a necesidade agudiza o enxeño son máximas reiteradas nestes tempos de pandemia. No caso da empresa vilagarciá Comevi, dedicados desde hai vinte e cinco anos á fabricación de estruturas metálicas, é a teoría levada á práctica.
Tras o confinamento, Manuel Cascallar volveu á súa nave de O Pousadoiro co temor do futuro incerto por unha retardación da obra pública. "Non somos futurólogos, pero supuxemos que o volume de traballo ía caer", explica Manuel Cascallar, propietario da empresa.
"Vendo por Vilagarcía que os establecementos teñen dispensadores de xeles hidroalcóholicos e que toda aquela persoa que o usa ten que usar as mans no mesmo envase, empezóusenos a ocorrer isto".
"Isto" ten nome propio e téñeno rexistrado: Inoxgel. A idea de partida era evitar o contacto das mans e a forma era usar o pé. "Fixemos un primeiro prototipo, pero tiña algunhas deficiencias, non era do noso gusto", lembra Manuel. Así que despois de quitarlle horas ao soño "ao día seguinte tivemos a idea clara. Fixemos outro, que é este e vimos que funcionaba perfectamente".
Seguinte paso, como promocionalo. A resposta, as redes sociais: "subímolo ao noso perfil de Facebook pensando en que se vise aquí por Vilagarcía, pero a través de persoas que coñecen a nosa seriedade traballando o foron compartindo e está tendo unha repercursión que nin imaxinabamos. É que non paramos". Non se esquecen nesta difusión que tivo a iniciativa "de moitos amigos aos que estamos moi agradecidos".
O dispensador Inoxgel está fabricado en aceiro inoxidable, un aceiro que non oxida co uso de produtos para a súa limpeza e no seu interior caben envases de ata un litro, polo que ten unha altura regulable. A previsión é poder fabricar unhas oitenta pezas á semana. O prezo prefiren reservalo "o axustamos ao máximo e loxicamente non é o mesmo que che encarguen un a que che encarguen por exemplo, quince ou vinte".
Están a solicitalos instancias privadas e administracións públicas, de dentro e fóra de Galicia, "estamos a atender como duascentas chamadas diarias". Cascallar fala todo o tempo en plural facendo partícipe do invento a Óscar Precedo, o seu empregado, pero "é que somos como familia", ademais das dúas persoas que traballan en Comevi.
Outro engadido do Inoxgel é que pode levar serigrafiado o logotipo da entidade que o desexe. Xa venderon máis dun centenar de unidades en pouco máis dunha semana "e con lista xa de espera para seguir fornecendo".
A situación fai pensar que Cascallar vai necesitar máis persoal para dar resposta á demanda xerada. "ata o de agora os dous imos tirando co stock que temos, pero estamos a esperar recibir máis e se a demanda segue así, claro haberá que contratar máis persoas".
Mentres tanto non se esquecen de atender a demanda que tiñan con anterioridade ao Inoxgel: "sempre fomos serios e cumprimos, así que as obras que tiñamos pendentes estamos a sacalas adiante; pero iso si, cousas novas que xorden estamos a desprazalas para darlle prioridade a isto".